A Xunta estuda as súas opcións fronte ao acordo pesqueiro do Brexit, "moi negativo"

A Consellería do Mar vén de encargar dous informes para analizar a súa marxe de manobra contra o pacto europeo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu este sábado o pleno do Consello Galego de Pesca no que se presentaron os dous informes encargados pola Xunta sobre o impacto do acordo de comercio e cooperación do Brexit. Ambos, dixo Quintana, guiarán a estratexia de Galicia para facer fronte aos efectos do acordo que a comunidade galega considera "moi negativo" para o campo marítimo-pesqueiro.

Un dos informes é sobre as implicacións xurídicas do acordo e foi encargado ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e presentado polo director do centro, José Manuel Sobrino. O outro é de carácter técnico-administrativo, sobre a incidencia que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros, e foi realizado pola Fundación MarInnLeg e presentado pola xerente desta entidade, Annina Bürgin.

Por unha banda, o informe do Instituto Salvador de Madariaga considera que o pacto de comercio e cooperación entre a Unión Europea e o Reino Unido, que se está aplicando provisionalmente, pode ser obxecto de control xudicial polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Nesta liña, esboza dous escenarios, un de control previo á ratificación e outro a posteriori.

En canto ao control previo á ratificación, o informe destaca a posibilidade de solicitar por parte do Parlamento Europeo ou de España como Estado membro, un ditame consultivo ao TXUE sobre a compatibilidade do acordo co dereito europeo. De adoptarse esta opción, debería realizarse con urxencia, dado o próximo debate da ratificación do acordo no Parlamento Europeo.

En relación ao control despois da ratificación e unha vez entrado en vigor o acordo, o documento especifica que este pode instarse tanto por parte das institucións europeas e Estados membro como por parte das persoas físicas e xurídicas. Neste caso, o control se focalizaría na decisión do Consello relativa á ratificación do acordo comercial do brexit. Se o TXUE estima que a decisión é contraria ao dereito da UE, podería anulala ou declarar a súa invalidez. Se isto se producira, as institucións europeas deberían suprimir as incompatibilidades entre o acordo e o dereito europeo.

EFECTOS

Por outra banda, o informe elaborado pola Fundación MarInnLeg analiza aspectos relativos á igualdade de condicións no ámbito comercial e sinala a posibilidade de adoptar medidas correctoras dentro da relación bilateral entre a UE e o Reino Unido no caso de que a actuación dalgunha das partes teña efectos negativos sobre o comercio.

En relación á pesca, o documento subliña a importancia fundamental das relacións bilaterais que hai entre o Reino Unido e Noruega ou con Islandia. Ademais advirte da necesidade de estudar en profundidade o contido do acordo do brexit relativo á xestión pesqueira no arquipélago noruegués de Svalbard, pois aborda un reparto das cotas de bacallau nestas augas entre a Unión Europea e o Reino Unido.

Os contidos destes informes serán analizados polo miúdo no seo do Consello Galego de Pesca para concretar as accións a desenvolver desde Galicia ante os efectos do acordo do brexit. Isto realizarase no marco dun grupo de traballo que se acordou crear para establecer as prioridades do sector pesqueiro galego neste campo para os próximos exercicios.

Actividade pesqueira en barco pesqueiro. CEPESCA
Actividade pesqueira en barco pesqueiro. CEPESCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta