Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 11:34
A Sociedade Galega de Ornitoloxía reclamou que a montaña galaico-leonesa sexa declarada zona de exclusión de parques eólicos e solares, dado o "impacto ambiental" que poden xerar na área.
Así, a entidade enviou as súas consideracións ao período de consultas previas de distintos proxectos eólicos tramitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Xunta de Galicia (Barxas,Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo).
Estes parques eólicos, lembra a sociedade, están proxectados na montaña galaico-leonesa, "que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental". Na documentación enviada déixase constancia de "a necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos", que "supoñen no seu conxunto un gravísimo impacto ambiental con efectos acumulativos e sinérgicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico".
PERIGOS
"Aquí atópanse presentes algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais transcenden aos espazos protexidos que se sitúan ao redor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares", explica a sociedade. En particular, destacan a "grave afección" que sufrirían especies como a aguia real, a perdiz pardilla, o voitre branco e outras especies.
Paralelamente, lembran que Galicia "está moi por encima da media española en xeración de enerxías alternativas" e alcanzou xa "en termos relativos os obxectivos de sustentabilidade expostos para 2030" e instan a establecer un equilibrio entre avance de renovables e conservación da contorna.
"Non podemos obviar a relación intrínseca entre a perda de biodiversidade e o cambio climático, polo que nun contexto como o relatado para Galicia, os efectos beneficiosos da implantación de enerxías renovables para a loita contra o cambio climático poden verse atenuados polos danos á biodiversidade", alerta a entidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.