A dirección da TVG di que non informou o 28 de xaneiro da vacinación da alcaldesa de Boimorto porque non deu tempo

O BNG acusa de "manipulación" o ente público e Sánchez Izquierdo defende a cobertura da noticia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/02/2021 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificou que a polémica vacinación da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo --que pediu a baixa do PP tras o sucedido--, non figurou entre as noticias do informativo da noite na televisión pública galega debido "aos tempos dos procesos informativos".

A alcaldesa de Boiomorto María Jesús Novo, durante un pleno no Concello da localidade coruñesa
A alcaldesa de Boiomorto María Jesús Novo, durante un pleno no Concello da localidade coruñesa | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Na comisión parlamentaria de control da CRTVG, a deputada María González Albert (BNG) denunciou a "falta" de cobertura por parte do medio público e a "manipulación" ao redor desta vacinación "irregular" da por entón alcaldesa do PP.

En resposta, Sánchez Izquierdo relatou que o medio 'eldiario.es' foi o primeiro en sacar a noticia o 28 de xaneiro ás 15,59 horas. Posteriormente, o BNG emitiu un comunicado ás 18,16, mentres o primeiro teletipo que recibiu a redacción da CRTVG chegou ás 19,00 horas.

Tras aclarar que iso non significa que a esa "hora exacta" a redacción vexa a noticia, sinala que ese mesmo día o informativo da Crónica da Radio Galega, que se emite ás 20,00 horas, deu conta da información.

Con todo, explica que non se emitiu ningunha información no Telexornal Serán da TVG --que comeza ás 20,30 horas-- do 28 de xaneiro porque se necesita "un tempo de traballo maior" á hora de sacar as imaxes de arquivo relativas á alcaldesa.

Con todo, defende que en días posteriores se emitiron diversas pezas informativas, tanto na radio como na televisión públicas, co seguimento da noticia.

CRÍTICAS DO BNG

En cambio, a deputada do BNG expuxo como a CRTVG dedicou unha "ampla cobertura" a casos similares como a vacinación do ex Jemad ou de alcaldes socialistas. Unha cuestión que achaca a unha vulneración dos principios de "pluralismo político", extremo este negado polo responsable do ente público.

"Non pode dicir vostede que os medios públicos deste país non fan casos dunha información ata que lles chega un teletipo ás 7 da tarde", criticou González Albert.

A continuación, a deputada do Bloque recriminou que a información do día seguinte do Telexornal Mediodía, do 29 de xaneiro, só recolleu unha "información de menos dun minuto", "sen contextualizar" e sen dar voz á oposición, situada no minuto 52 do informativo, "despois de cuestións importantísimas" como as altas temperaturas en Valencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta