Denuncian a "extorsión" das multinacionais francesas do leite con novas baixadas do prezo aos gandeiros galegos

Lactalis ou Reny Pico ampáranse nos baleiros legais da Lei da Cadea Alimentaria para seguir extorsionando as nosas granxas. O SLG e Fruga critican duramente estas imposicións.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 01/03/2021 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Industrias leiteiras como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar os novos contratos para a seguinte campaña á baixa. Así o denuncian Fruga e o Sindicato Labrego Galego  que din que no caso da multinacional gala Lactalis "resulta un agravio comparativo insultante"  xa que mentres en Francia pactou subas de prezo coas granxas que lle fornecen, pagando un valor medio en 2020 de 36,9 céntimos, "segue forzando contratos á baixa en Galiza, contribuíndo a termos o peor prezo medio do Estado e un dos máis cativos da Unión Europea".

Vacas de leite
Vacas de leite | Fonte: XUNTA - Arquivo

Este prezo non chegaría aos 33 céntimos. O SLG asegura que hai granxas que están a denunciar unha baixada dun céntimo no prezo do leite para os novos contratos que está a ofrecer Lactalis. "Trátase dun feito de extrema gravidade habida conta que esta industria francesa é a principal compradora de leite na Galiza, recollendo máis de 500 millóns de litros de leite por ano a unhas 1.500 explotacións da nosa terra", asegura.

No caso de Reny Picot, a depreciación está a ser de medio céntimo, que se pode incrementar dependendo do punto crioscópico do leite, co cal se estarían a penalizar as granxas que teñen as vacas en réxime de pastoreo e, polo tanto, as máis sostibles e respectuosas co entorno. O sindicato lembra que esta baixada prodúcese nun difícil contexto para as granxas, no que o prezo dos cereais aumentou notablemente nos últimos meses.

"Resulta indignante que a multinacional distribuidora Lidl veña de anunciar un acordo con Lactalis para subir o prezo do leite, de maneira que o incremento repercuta positivamente nas explotacións francesas, que si poderán compensar o aumento dos seus custes de produción, e que se estean a negociar subas con outras distribuidoras; ao tempo que na Galiza seguen forzando os prezos á baixa", denuncia o SLG.

Por iso, reclama a intervención da Consellaría de Medio Rural. "Á única esperanza ao respecto tiñámola na Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que se cubran os custes de produción no valor en orixe das producións agrogandeiras, pero o Ministerio de Agricultura segue sen publicar uns índices de referencia de prezos e custes para o sector lácteo", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta