Por Lois Pérez Leira | Vigo | 30/08/2013
Os EEUU necesitan dominar totalmente ao mundo e para iso deben dobregar aos gobernos que manteñen posicións independentes. O ensaio exitoso en Libia co apoio dos países monicreques de Europa, o foi motivando para iniciar unha nova aventura da maquinaria criminal guerreante ianqui. Agora o obxectivo é Siria, para logo decidirse, coa implicación directa do estado sionista de Israel, do próximo destino de agresión, Irán.
Aínda que os plans do terrorismo internacional e do expansionismo a toda a rexión, son un segredo a voces, Obama pódese atopar cun forte revés político e militar. A poboación Siria, o seu goberno e as súas forzas armadas están moi consubstanciadas na defensa da soberanía do seu país.
Para o Partido Comunista de Siria: “Este é un goberno patriótico, anti-imperialista e anti-sionista, malia que está claro que na orde económica é capitalista. Aínda que proclamaba o socialismo árabe, o Partido Baas (do renacemento árabe socialista), que era e é a forza dirixente no goberno, non era socialista no sentido marxista da palabra. Con todo, o PCS forma parte da Fronte Progresista que agora está integrado por 10 partidos”.
Está claro que non é un goberno cun modo de produción socialista, tampouco o é Venezuela ou os países progresistas emerxentes, pero si é un modelo propio, dentro das concepcións nacionalistas e anti-imperialistas do mundo árabe.
“Hai uns días Ammar Bagdache, Secretario Xeral do Partido Comunista Sirio sinalaba nunha entrevista de prensa: “O noso partido estima que as forzas revolucionarias e progresistas internacionais deben apoiar aos gobernos e partidos anti-imperialistas e anti-sionistas fronte á agresión da reacción, o imperialismo e a súa política intervencionista e inxerencista, violadora da legalidade internacional. Iso é o que define unha posición de principios e revolucionaria nos nosos días”.
Creo que esta debe ser a posición correcta da esquerda galega, que xa se manifestou en distintos comunicados, que van de ANOVA–Irmandade Nacionalista até Esquerda Unida (EU), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Nova Esquerda Galega (NEG) ou o sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG). Como noutras oportunidades esta solidariedade debémola demostrar nas rúas. Desta maneira non soamente definimos o dereito á soberanía nacional de Siria, senón tamén a posibilidade de construírmos un mundo de paz, de amizade e de solidariedade entre todos os pobos do planeta.