Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2021 | Actualizada ás 18:29
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou o anuncio do ministro de Transportes, José Luís Ábalos, ao comprometerse a "encarar a conexión ferroviaria" do porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, tras a reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Nun comunicado, reivindica a execución desta infraestrutura como "imprescindible para a plena operatividade do porto exterior e para permitir a integración dos peiraos liberados na Coruña dentro da malla urbana".
Á súa vez, incide en que o anuncio do ministro prodúcese "dúas semanas despois do cume celebrado en María Pita para desbloquear a situación do porto entre todas as administracións implicadas nese proxecto". Tamén remarca que, tras ese encontro, con presenza de representantes do Ministerio de Transportes, xa se "garantiu" a construción do ferrocarril. "Agora confirmada por Ábalos".
"Ningún Goberno ata agora achegou solucións definitivas para finalizar a obra de Langosteira e a integración dos peiraos, faino o de Pedro Sánchez", apunta a rexedora nun comunicado no que insta a Xunta e Autoridade Portuaria a "antepor" agora "os intereses dos cidadáns por encima doutra consideración".
Por outra banda, avanza que nas próximas semanas constituirase a comisión encargada das futuras negociacións "para chegar a un documento que substitúa os convenios do 2004, paso imprescindible para permitir a liberación dos peiraos e a posta en marcha da integración da fachada marítima".
VALORACIÓN DO BNG
Respecto ao encontro de Feijóo con Ábalos e a conexión ferroviaria, o grupo municipal do BNG afirma que ve aínda "moitas inconcrecións e incertezas".
"A reunión non ofrece novidades moi significativas, continúan moitas incógnitas por despexar", indica a formación nacionalista para quen o Goberno "non sen resistencias, acaba asumindo o que para o BNG sempre foi evidente", sinala ao incidir na necesidade da conexión ferrovaria.
POSTURA DE MAREA ATLÁNTICA
Desde Marea Atlántica cualificouse o anuncio do ministro como un "compromiso indefinido", aínda que sostén que "parece un avance en contraste co logrado por Inés Rey o 23 de febreiro", afirma sobre a reunión celebrada no consistorio coruñés coa participación das distintas administracións.
No entanto, afirma que "non pode ocultar os graves pasos atrás en cando á débeda", asevera sobre a que ten a Autoridade Portuaria polas obras do porto exterior. "O presidente da Xunta e o ministro insistiron, repetidas veces, en que A Coruña terá que tragar cos compromisos adquiridos en 2004". "Están a preparar o terreo para un pelotazo inmobiliario na fachada marítima", apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.