Hai corenta anos –o 11 de setembro de 1973– decatábame pola radio da triste noticia do golpe de estado contra o goberno da Unidade Popular de Salvador Allende. A mesma nova conmocionaba a todo o mundo progresista, moi especialmente na Arxentina. Porén era unha noticia que non nos colleu por sorpresa, xa que a conspiración norteamericana era descarada.
O certo é que sempre alentabamos que Allende puidese reverter a situación de desestabilizacion. Por aqueles anos residía na Arxentina onde militaba na Mocidade Comunista. Nese momento presidía a Confederación Arxentina de Estudantes Secundarios (CAES). Algúns meses antes envorcámonos nas rúas de Bos aires para recibir a “Chicho” como cariñosamente coñecíamos ao presidente socialista. Chegara ao aero-parque da cidade un día antes da asunción do presidente Campora o 25 de maio. A Arxentina estaba conmocionada, deixaba atrás a unha ditadura e o pobo lograra o retorno do xeneral Perón e unha aplastante vitoria popular.
Para participar da asunción do representante de Perón viaxaron especialmente Osvaldo Dorticos presidente de Cuba e Salvador Allende de Chile. Xa no aeroporto miles de persoas estabámolo esperando para darlle a benvida. Lembro que repartiron unhas fotos impresas coa súa face e a súa sinatura que por moitos anos gardei con especial agarimo. Pola tarde unha manifestación multitudinaria se manifestou polos parques de Palermo cara á Embaixada de Chile, onde Salvador Allende dirixiunos unhas verbas desde o primeiro andar da mansión diplomática. Allende e a súa revolución pacífica era parte da esperanza da esquerda latinoamericana que cría que podía ser posíbel a forma pacífica da transición ao socialismo. O presidente chileno malia ser parte do Partido Socialista era un home de formación marxista, amigo do Che e de Fidel.
Foi un dos impulsores na Tricontinental celebrada en Cuba e o mentor da creación da organización OLAS, de coordinación dos Movementos Revolucionarios de América Latina. Ao día seguinte da súa chegada, o 25, íase a producir un dos acontecementos máis importantes da historia contemporánea da Arxentina, dous presidente: Osvaldo Dorticos e Salvador Allende oficiaban de notarios da asunción do Presidente Héctor José Cámpora que presidio “A breve primavera Arxentina”.
Aquel paso de Allende pola Arxentina foi esencial para profundar os lazos de amizade de ambos os dous pobos. Uns meses despois a dereita reaccionou, ao mando de Pinochet, executando o sanguento golpe de Estado. Durante aqueles primeiros dous días as noticias que chegaban eran confusas e contradictorias, algúns medios salientaban que en Valparaiso os obreiros resistían con valentía coas armas na man. Co transcorrer das horas a nosa esperanza íase diluíndo. Malia iso centos de miles de arxentinos saíron á rúas para solidarizarse co pobo chileno. Nunca na historia solidaria deste país deuse un fenómeno semellante. Ao berro de: «¡¡¡Chile no se rinde!!! ¡¡¡Vamos chile carajo!!! ¡¡¡Se siente se siente Allende esta Presente!!!» as rúas de toda a Arxentina facían sentir a súa solidariedade anti-imperialista.
Aínda hoxe retumban estes berros esperanzadores nos meus oídos. Recordo as bágoas e os abrazos dos compañeiros fronte ao edificio do Congreso de Bos Aires. «¡¡¡Vamos chile carajo!!!» era un só berro.
Meses despois en xaneiro de 1974 encabecei unha manifestación de estudantes secundarios na vila turística de Miramar. A mesma tiña como obxectivo a solidariedade con Chile. Logo dalgunhas provocacións da dereita local, termine detido con outro compañeiro e pasei a noite nunha comisaria da cidade. Creo que foi a detención, coa que me sentín máis orgulloso. Logo de 40 anos de que os EEUU provocasen este golpe de Estado coas consecuencias de mortes e violacións dos dereitos humanos por todos coñecidos, o pensamento socialista, anti-imperialista e revolucionario de Salvador Allende (que nada tiña que ver coa socialdemocracia), está máis vixente que nunca.
«¡¡¡Se siente, se siente, Allende esta Presente!!!»
* Lois Pérez Leira foi presidente da Confederación Arxentina de Estudantes Secundarios (CAES), membro do COMACHI (Comité Arxentino de Solidariedade con Chile), Presidente do Comité de Solidariedade con Chile do Municipio da Matanza e fundador en Galicia do COSAL (Comité de Solidariedade con América Latina).