O brazal de Tor

Era un día xeado polo mes de decembro de 1990 cando entrei por vez primeira canda meu pai no interior do pazo de Tor, nunha visita organizada polo concello de Monforte de Lemos. Abríanos as portas do seu pazo a última señora da casa, María Paz Taboada y Zúñiga. Gardo a lembranza da fidalga abrindo o armario dunha habitación e amosando vestidos decimonónicos que xa luciran as súas devanceiras. Aquilo era todo un museo vivo recreado pola inquilina pacega que nos transportaba á Galicia do Antigo Rexime en décimas de segundo. Hoxendía poucos pazos galegos están abertos ao público de xeito que alguén da familia explique ao visitante as vicisitudes históricas da súa casa. Outro exemplo abraiante neste sentido é o cercano pazo de Muíños de Antero, tamén en Monforte de Lemos.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 18/09/2013

Comparte esta noticia
Volvín entrar en Tor este Nadal pasado. Trala súa norte, a señora legou o pazo á Deputación de Lugo para que a cidadanía puidese acceder ao mesmo sen pagar ren. Malia non contar co testemuño directo da vella fidalga, a rapaza que facía de guía paraba un intre nun retrato que sobranceaba a estancia principal e falaba da fermosura natural da señora, da súa cultura, o seu gusto pola poesía (era amiga íntima de Uxío Novoneyra) e o bo trato dispensado a servintes e labregos. O pazo de Tor explica dunha vez toda a explotación do campesiñado por esta clase rendista no Antigo Rexime. Unha fidalguía conectada co poder, unha familia que acompañou ao Conde de Lemos a Nápoles de onde trouxo mobiliario e novas modas coma os aseos. O enxoval doméstico do pazo está inzado de obxectos de prestixio procedentes de África e do Lonxano Oriente. Unha casta vencellada intimamente coa Igrexa, como podemos apreciar no cuarto preparado sempre por se o bispo se achegaba por estas terras. Unha elite letrada que termaba do saber, como o amosa a biblioteca na que se garda un exemplar único de As décadas de Tito Livio, impreso en 1520.
 
A liñaxe de Tor viu con malos ollos a chegada do Estado liberal e apoiou as carlistadas. Un dos salóns está decorado cos retratos dos principais militares lexitimistas, como se fose unha ilustración dos Camiños da Vida de Otero Pedrayo. O mapa de Galicia de Fontán remítenos a aquela época convulsa. O exemplar da Carta Xeométrica que se gardaba no pazo a piques estivo de servir de combustible, como amosa o fulixe que estraga algunhas follas. No salón comedor, un retrato enorme do cardeal Payá presenta impactos de bala, seica consecuencia dunha disputa de sobremesa.
 
Finalmente, o Estado español acolleu no seu seo a esta xente de orde que copaba a Administración e o Éxército. O home da señora foi un militar significado na guerra civil dentro do bando nacional. Unha das salas está decorada por un antergo díscolo, bohemio pintor e soñador, que guiado pola tendencia orientalista de entreséculos, imaxinou o pazo de Tor como se da nazarí Alhambra de Granada se tratase. A clase fidalga sempre tentou lexitimar e honrar a liñaxe e a casa con xenealoxías, emblemas, historias inventadas e obxectos de prestixio. Algunhas destas cousas expóñense nunha vitrina. De entre todas elas, entre medallas ao mérito militar e demais ferralla, chama a atención unha sorte de xoia, a xeito de pulseira. Segundo nos conta a rapaza, este brazal celta aparecera nunha medorra. Atopárao un labrego que traballaba para o pazo e regaloullo á señora. Moitos pazos de Galicia agochan parte do Patrimonio arqueolóxico deste país. Foi moeda corrente que os arqueólogos tradicionalistas como Cuevillas tivesen detalles cos colegas fidalgos. Algunhas pezas dos castros de Neixón (Boiro) gárdanse no Pazo de Agüeiros e na Casa do Priorato en Cespón. A ara na honra de Bandua Lansbricae serve de pé no belvedere do xardín no pazo abandoado de As Eiras, perto da Cidade de San Cibrán de Lás. O brazal de Tor é toda una metáfora da forma de estar no mundo dunha clase social que se sentía non só propietaria dun país enteiro, senón tamén do seu pasado, porque quen controla o pasado, domina o futuro. E esta xente é a que segue a gobernarnos hoxendía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA