A Xunta aproveita a morte dun lobo nunha trampa ilegal para insistir que ten "un exceso de protección"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, condenou o suceso antes de invitar ao Goberno a "reflexionar" sobre a problemática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, condenou este luns o achado dun lobo morto por unha trampa de lazo no termo municipal de Chandrexa de Queixa. O cadáver do animal foi atopado polos bombeiros forestais de Laza este domingo pasado cando acudiron á zona para apagar un incendio forestal.

"Temos que condenar este tipo de actos", dixo Ángeles Vázquez, "porque iso está prohibido e nin o podemos permitir nin o podemos consentir". "O que nunca se pode é tomar a Xustiza pola súa man", engadiu. O suceso está a ser investigado polo Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil. "Espero que non se volva a repetir", comentou a conselleira, que tamén agarda "que isto non sexa unha reacción a esa norma por parte do Ministerio", polo que pediu "calma" no ámbito rural a este respecto. "Estamos aí para defendelos", apostilou.

"A min o tema do lobo preocúpame e moito", admitiu a conselleira. Ao seu xuízo, que a Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade inclúa ao lobo na listaxe de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial pode xerar "enfrontamentos na sociedade, iso é real". Trátase, engadiu a conselleira, dun "exceso de protección" do lobo "que xa está protexido en Galicia" e que "supón a desprotección doutro tipo de especies".

Neste sentido, a conselleira pediu "reflexión" ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico "porque se hai lobo ibérico en Galicia foi grazas a todos os galegos e as galegas, e á protección que sobre el se outorgou". "Non ter ningún control do lobo é perigoso", incidiu a conselleira. "Os extremos son perigosos", abundou. Por último dirixiu unha mensaxe ao Ministerio e ao Goberno de España para pedirlles que "lonxe de impor novas restricións aprendan do que se fixo en Galicia, Cantabria, Asturias ou en Castela-León". "Xa que ata agora actuamos en solitario", sentenciou.

Un lobo morto dun tiro, neste caso trátase dunha femia atopada na Mezquita
Un lobo morto dun tiro, neste caso trátase dunha femia atopada na Mezquita | Fonte: Axentes medioambientais da Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta