Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/04/2021 | Actualizada ás 22:00
O pasado 23 de marzo un acto vandálico causou danos sobre os petroglifos localizados no Concello de Campo Lameiro. A administración local describiu como “graves danos para estas representacións emblemáticas da arte rupestre” o ataque contra esta parte do patrimonio histórico. As figuras gravadas en pedra foran obxecto de traballos para a súa conservación por parte do Concello logo de recibir senllas subvencións por parte da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Este non foi un acto illado dentro dos ataques ao patrimonio histórico. Segundo asociacións interesadas na protección dos bens históricos, a inacción das autoridades autonómicas ten boa parte da responsabilidade en desaparición de xacementos, espolios e destrución de construcións como mámoas, castros e outros restos arqueolóxicos.
SÓ INTERESA O VANDALISMO, NON AS DESFEITAS
Expertos da Xunta achegáronse a Campo Lameiro para facer unha avaliación dos danos sobre as figuras rupestres. Segundo informou a Consellería de Cultura a Galicia Confidencial os danos “foron ocasionados por unha pedra arenisca, non por un obxecto punzante metálico, polo que se trata de danos reversibles que se poden restaurar”. O departamento que encabeza Román Rodríguez sinalou que “a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciaránse os trámites que permitan a restauración dos motivos danados”.
Á parte de actos como o descrito, os grandes perigos para o patrimonio son os intereses detrás das explotacións mineiras, da madeira e da construción. Así os enumeran desde Mariña Patrimonio en canto que moitas accións do sector forestal coas cortas, limpezas e reforestacións, estarían incidindo de maneira negativa sobre xacementos arqueolóxicos mediante o uso de maquinaria e a propia acción dos eucaliptos plantados sobre os restos históricos. .
A Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (APATRIGAL) sinala: “estes ataques que vimos sufrindo neste século son resultado da combinación de varios factores: por unha banda, a sobreexposición e coñecemento da súa existencia grazas ás redes sociais e medios en xeral combinada coas carencias en educación e falta de apego ao noso”.
“É curioso cando menos, que feitos como o acontecido en Campo Lameiro chamen a atención mediática”, din desde A Mariña Patrimonio, e que pola contra accións como o derrubo ou eliminación de castros en montes madeireiros ou en zonas declaradas urbanizables, non sexan atendidas polos medios coa mesma incidencia.
A Consellería de Cultura “só adopta medidas cando ten coñecemento directo dos feitos, e descoñecemos os mecanismos e as pautas que seguen, á parte de abrir un expediente” di APATRIGAL. Como exemplo de deixamento administrativo poñen o caso do Pazo de Reibó, de Negreira, “do que informamos nas nosas redes e nos xornais que nos entrevistaron, que apareceu en Abegondo, a 75 quilómetros de distancia, e ningún dos dous concellos sabía nada nin pensan facer nada ao respecto. Se sucede isto cun pazo de 500 metros cadrados, nada van facer cun petróglifo”.
A Xunta pola súa parte condena “calquera acto vandálico contra o patrimonio que compartimos todos os galegos e cuxa preservación é tarefa de todos”. Ademais engade que “desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural impúlsanse e coordínanse as principais medidas para minorar as ameazas sobre o conxunto do noso patrimonio, actuando, asesorando e prestando apoio técnico” segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016.
INTERESES ECONÓMICOS E DESINTERESE INSTITUCIONAL?
Se as actuacións do Concello de Campo Lameiro foron dirixidas á conservación e creación dun espazo para mostrar exemplos de arte rupestre, sen que supoñan un prexuízo para o municipio, por que son poucos os intereses en realizar accións semellantes? “O patrimonio tamén é riqueza e non lle quita espazo a outras actividades” di Miranda.
Quitaríalle ou restaríalle espazo ao monocultivo de eucalipto a descuberta de castros, mámoas e outros achados? “Non, porque son unha superficie ínfima comparado co que se explota para madeira”. O mesmo acontecería coa construción que non tería por que verse tan afectada. Non obstante, hai casos en que a paralización de obras realizadas sobre xacementos acaban en demandas que, de parar a construción, finalizan en indemnizacións ás construtoras.
“Tivemos a acción dunha canteira en Mondoñedo onde acabou por destruír os restos dun castro” di Manuel Miranda de Mariña Patrimonio. O caso concreto era o do Castro da Trinidade afectado pola explotación de pedra, Cantera Trinidad. Mesmo se acusou de complicidade a funcionarios da Xunta do Servizo de Patrimonio en Lugo. “A Dirección Xeral de Patrimonio só atende cando hai intereses económicos”. Tamén está o caso cando o Tribunal Supremo paralizou o intento de apertura doutra explotación de caliza no Concello de Triacastela que afectaría á Cova de Eirós, onde se encontraron restos de pintura rupestre, dos poucos que hai catalogados en Galicia polo de agora.
APATRIGAL considera que a falta de acción por parte da Xunta contra os ataques a bens patrimoniais, tamén é parte da rede burocrática. “Cando falamos da Xunta, en xeral, tamén hai que ver que son diversos organismos e moitas veces non hai transversalidade entre elas”. Desde esta asociación cualifican de boa a actitude das Xunta, mais os recursos para levar a cabo as accións poden ser “escasos e non atopamos, en moitos casos, a resposta inmediata ou contundente e necesaria que deberiamos ter”.
Por último, APATRIGAL subliña que “Galicia ten un problema de educación patrimonial e un problema de respecto co que é de todos nós, co público”. Consideran que “Non estamos orgullosos dos logros acadados polos nosos devanceiros desde hai 6.000 anos, en ningunha das èpocas”.
Aínda así, non son poucas as voces que sinalan a inacción administrativa contra accións devastadoras para elementos históricos. Hai mesmo quen apunta unha actitude “interesada” por parte de determinadas seccións da administración autonómica. En tal caso, a Xunta sinala que: “cómpre subliñar tamén que o Goberno galego inviste este ano un 19% máis na rehabilitación do patrimonio dentro do seu compromiso coa conservación e rehabilitación do noso legado cultural”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.