O PPdeG rexeita reformar o Estatuto de Autonomía malia que recoñece as súas "carencias"

Argúe que "o ambiente político non aconsella, visto o visto noutras comunidades autónomas, que sexa o momento de abrir o debate".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/04/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou, cando se cumpren 40 anos da promulgación do Estatuto de Autonomía, que o marco do que se dotou Galicia foi de "enorme utilidade ao país", aínda que teña "carencias", e permitiu "mellorar" sobre a posición inicial.

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy.
O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy. | Fonte: Europa Press.

Puy, que rexeitou reformar o Estatuto polo actual clima político, destacou que a carta estatuaria "é certamente un motivo de unión e celebración conxunta" e lamentou que "este acto de unión non sexa entendido así por todas as forzas do país" e que "no día en que se conmemora a máis brillante páxina de Galicia" haxa quen mesmo "propoña un estado confederal".

"Sendo como toda obra humana perfeccionable, o ambiente político non aconsella, visto o visto noutras comunidades autónomas, que sexa o momento de abrir o debate", manifestou Pedro Puy, quen apelou a que o pobo galego "enquisa tras enquisa insiste en que está moi satisfeito co réxime autonómico" actual.

O político tamén rexeitou a "visión" de "fracaso" da reforma estatutaria durante a época do bipartito. "Non é un fracaso propio de Galicia", indicou, para argumentar que o conxunto do centro dereita e centro esquerda tampouco foi capaz de porse de acordo ao mesmo tempo que os nacionalistas noutros territorios do Estado, agás o exemplo de Valencia, no que "non participou ningún movemento soberanista.

Ademais, indicou que a situación de Galicia "é diferente porque partía dun teito competencial moi inferior", pero advertiu de que "moitos dos problemas que se queren atallar" coa reforma do estatuto, pódense facer co actual texto. Así, puxo como exemplo a transferencia da AP-9 ou que "nada impediu" que Galicia teña unha axencia tributaria.

Tamén, agregou, Galicia pode asumir as competencias do dominio público terrestre, precisamente unha transferencia da que fai agora bandeira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "O que fai falta é vontade política, aos feitos remítome", sentenciou Puy.

Así mesmo, afirmou que "a historia do autogoberno é a historia dun éxito", "parello" ao estado do benestar, e remarcou que "hoxe é o día de destacar as virtudes e non os seus defectos". "É moito o que nos deu o estatuto", rematou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta