Contaminación por nitratos, están facendo as autoridades todo o que deben?

O proxecto de Real Decreto sobre protección de augas contra a contaminación por nitratos foi cualificado de pouco ambicioso por asociacións ecoloxistas. Entre os motivos está a falta de protección no documento sobre aqueles terreos que aínda non se viron afectados por este tipo de polución. É por iso que piden medidas “máis disuasorias”

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A protección de correntes de auga tanto superficiais como subterráneas inclúe desde 1996 a denominada “contaminación polos nitratos procedentes de actividades agrarias”. Esta lexislación entrou en revisión cun proxecto de Real Decreto (RD)que recoñece a “contaminación difusa” por nitratos de todo tipo de acuíferos. Así, o preámbulo do proxecto de RD sinala que “este feito ponse de manifesto polas elevadas concentracións de nitratos que se rexistran en determinadas masas de auga, causadas polos excedentes de produtos inorgánicos ou orgánicos usados como fertilizantes. Este feito é especialmente preocupante cando alcanza a augas que se destinen ou vaian destinarse ao abastecemento da poboación”. Mais hai voces que só ven unha declaración de intencións sen especificidades e sen “ambición”.

Vertedura de xurro no cauce do río Eo
Vertedura de xurro no cauce do río Eo | Fonte: XdM

FALTA DE AMBICIÓN

Ecologistas en Acción cualificaba o proxecto do Goberno Central como un documento carente de “ambición”, de non ser abondo para a protección das reservas de auga fronte aos efectos nocivos dos xurros procedentes da gandería intensiva. A acumulación dos restos orgánicos “e non orgánicos ás veces” destas explotacións fan que o tratamento destes residuos sexa cando menos lento e difícil. “Os xurros poderían ser tratados como restos naturais, mais non son tratados segundo a maneira procedente” sinala Montse Valencia de Ecologistas en Acción.

Desde a Consellería de Medio Rural, apuntan que “Galicia presentou diferentes alegacións ao proxecto de decreto estatal de nutrición sostible dos solos agrarios, para que se teñan en conta as particularidades da nosa comunidade e das súas explotacións”. A xuízo da Xunta, calquera medida neste sentido “debe ter unha implantación gradual e adaptada a cada territorio”.

“Hai zonas en Galicia onde a xestión dos xurros é como se non existise, mentres que se avalía a construción de instalacións para o tratamento sen ningunha previsión” sinala Valencia. Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural informa que está “subvencionando” desde o ano 2018 a través dos plans de mellora “a adquisición de cisternas con sistemas de aplicación de xurro (inxector ou depositador)”.

Pozo de xurro
Pozo de xurro | Fonte: Campo Galego

A lexislación española e galega consonte as directrices da Unión Europea, son cada vez máis restritivas. Así, Medio Rural apunta que “impulsa medidas como a Lei de recuperación da terra agraria, actualmente en trámite no Parlamento”. O obxectivo é “o aumento da base territorial das explotacións. Isto redundará nunha extensificación da produción e, polo tanto, nunha mellor xestión destas dexeccións”.

“As macroexplotacións por exemplo, teñen unha afectación sobre a saúde humana e isto non está regulado” di Valencia. A extensión das explotacións sería un intento de buscar saídas rápidas á sobreprodución de residuos. “Poden crearse balsas impermeables, acoutar terreos onde non se pode botar xurro, e aínda así séguese a facer e as terras non absorben tanta cantidade de nitratos”.

CONTAMINACIÓN DE AUGAS

“Ninguén no rural quere macroexplotacións en Galicia” sinala Montse Valencia, mais a tendencia apunta á creación deste tipo de produción. Entón, como eliminar as augas fecais producidas nestas macrogranxas? “Por exemplo, na Limia convocaron a Mesa da Limia para tratar un Plan de Restauración de terras afectadas por verteduras, estaba convocada en marzo, de momento non hai avances”. Para Ecologistas en Acción “non saben darlle saída e por tanto non teñen solucións”.

O departamento de José González sinala neste sentido “a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que conta cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros”. Unha iniciativa que quere optar aos fondos Next Generation de reconstrución post-covid. A isto súmanlle a finalización da primeira fase do plan de pastos de Galicia que afecta a 560 hectáreas de pasto en montes veciñais en man común. Queda a segunda fase que está previsto engada 1.300 hectáreas a este plan.

A ampliación de terreos onde poder verter residuos orgánicos das granxas pode afectar ás persoas? “Na Limia os pozos particulares están contaminados por riba dos límites permitidos” apunta Montse Valencia que ademais engade: “os cribados por cancro de colon poderían demostrar se hai ou non un problema de saúde para as persoas”.

A situación vólvese máis complicada cando se piden responsabilidades ante a afectación da auga por nitratos. “Todo o referente a augas, a Xunta remite á Confederación Hidrográfica Miño-Sil”. Este punto é confirmado por Medio Rural e máis en concreto no caso da Limia: “no caso das bacías intercomunitarias ou internacionais, como é a do Miño-Sil, os órganos competentes son as confederacións hidrográficas”. Ademais engaden que estes organismos dispoñen de puntos de control sobre nitratos e ademais “son os que teñen potestade sancionadora consonte ás súas normativas sectoriais”.

A contaminación por restos orgánicos animais, dexeccións ou xurros é un problema que, en pouco tempo, segundo colectivos ambientalistas, veciñais e políticos, pode sobordar ás diferentes administracións. Estas últimas, con facultades sancionadoras, son sinaladas polos colectivos civís e ambientalistas como “tímidas” cando toca aplicar a lexislación ou ampliar a mesma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta