Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2021 | Actualizada ás 18:09
A Asociación Salvemos Cabana advertiu de que os proxectos de parques eólicos Prada e Alto Cabrera son "incompatibles" co turismo rural "de calidade" en Pena Trevinca.
A través dun comunicado, a entidade advertiu de que a implantación destes parques eólicos resulta "incompatible" coa Lei do Turismo de Galicia, que estableceu o concepto de xeodestinos como o de Manzaneda-Trevinca para "as áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais".
Neste sentido, lembrou que a normativa sinala que os xeodestinos "terán un especial protagonismo nas accións de promoción turística da Administración autonómica" e "poderán ser utilizados dentro da marca turística global 'Galicia'".
Ademais, lembrou que o xeodestinoManzaneda-Trevinca comprende os municipios da Veiga, O Barco, A Rúa, Rubiá, Carballeda, Vilamartín, Larouco e O Bolo. Así, alertou do impacto que levarían os parques eólicos proxectados sobre a imaxe turística da mancomunidade, que aspira a converterse nun referente galego no "ecoturismo experiencial".
Nesta liña, a Asociación Salvemos Cabana insistiu en que o macizo de Pena Trevinca representa "unha referencia inestimable a nivel provincial e autonómico" e "un factor crave para o desenvolvemento do denominado 'turismo verde'".
Deste xeito, reprobou que "se estea primando unicamente o máximo beneficio empresarial" ao permitir "inasumibles impactos sobre a paisaxe, biodiversidade e a poboación das zonas afectadas" para "o sostemento do estilo de vida e o malgaste enerxético habitual nas grandes urbes e as súas áreas de influencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.