Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 22:00
Máis de 20 millóns. Iso é o que xeraron os ingresos dos bens comisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados que foron subastados o pasado ano no conxunto do Estado. En total, 977 bens incautados ás redes do narcotráfico, deles, 52 en Galicia. O certo é que o país xa non é o paraíso que foi para os capos da droga. Moi diferentes son os anos 80 e principios dos 90 á actualidade. Hoxe, os narcos prefiren Andalucía. Alí se concentran máis do 36% dos bens comisados.
Con todo, Galicia segue sendo unha das autonomías con máis incautacións de bens procedentes da droga. Tivo 1.581 comisos entre 1996-2016. A partir de entón foron 84 en 2017, 94 en 2018, 63 en 2019 e 52 en 2020. En total, 1874 bens incautados en 14 anos. A maior parte deles vehículos e, logo, a moita distancia, inmobles. Pero tamén hai embarcacións, xoias e material tecnolóxico. Moitos dos bens son de luxo, especialmente, coches, embarcacións e chalés.
Segundo recolle o "Informe sobre a actividade do fondo procedente dos bens decomisados polo tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados durante o 2020", do Ministerio de Sanidad, en 2020, o Tesoro Público recaudou máis de 20,4 millóns de euros en todo o Estado dos bens dos narcotraficantes subastados.
E iso, a pesar da Covid. De feito, este documento salinta que na situación de pandemia xerada en 2020 non foi posible realizar subastas presenciais de bens mobles e houbo que desenvolver ferramentas informáticas para a xestion dos bens incautados e a súa poxa, o que dificultou a súa venda. Con todo, foi posible efectuar a poxa de vehículos, algún inmoble e embarcacións en subastas presenciais no 2020.
O Fondo de Bens Comisados por tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados, que xestiona a Delegación do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas ( PNSD), é o que se encarga da maior parte das poxas. Un diñeiro que se destina a reverter na sociedade os danos ocasionados á mesma polas drogodependencias e o narcotráfico. Así, fináncianse programas de prevención de toxicomanías, asistencia de drogodependentes e inserción social e laboral destes.
FUNDACIÓN GALEGA CONTRA O NARCOTRÁFICO
En Galicia, tamén a Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGN) se encarga de xestionar os bens comisados en delitos de narcotráfico desde o 2015. Vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións son os bens obxecto do servizo que, como lembra a FGCN, están caracterizados "pola súa rápida deterioración e perda de valor", pero que grazas a esta ferramenta, poden ser vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais, "ofrecendo unha indubidable achega de valor e servizo á sociedade galega".
Para a Fundación Galega contra o Narcotráfico, a continuidade deste servizo permite "potenciar a xestión eficaz dos patrimonios procedentes da venda de drogas, un dos alicerces básicos da loita contra o narcotráfico a nivel internacional".
Precisamente, A Xunta de Galicia e a Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN) renovaron o seu convenio para impulsar a xestión eficaz dos bens comisados en delitos de narcotráfico en Galicia, un acordo que nos últimos catro anos chegou a máis de 90 bens, a maioría turismos. O valor dos activos xestionados polo servizo de xestión de bens comisados desde a súa creación en 2015 ascende aos 325.985 euros. Un volume que, en opinión da FGCN, "fala da rendibilidade do servizo, en clara tendencia ascendente".
CASE UN CENTENAR DE BENS XESTIONADOS
Segundo a memoria do servizo de xestión de bens incautados, nos últimos catro anos xestionáronse 94 bens, dos cales foron vendidos 42 (41 turismos e un camión), cun prezo medio de venda de 5.475 euros. O prezo máis alto pago nunha poxa por un destes bens foron 35.001 euros por un Porsche Panamera.
Así mesmo, foron retirados ou devoltos outros 20 bens e hai neste momento 32 en fase de xestión, entre os que figuran 28 turismos, un camión, unha motocicleta e un barco.
O valor estimado dos bens actualmente en xestión é de 96.000 euros.Os bens xestionados polo servizo proceden de unidades xudiciais de Vilagarcía, Vigo, Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense, Betanzos, Cangas, Porriño, Madrid, Cataluña e Palma de Mallorca.
BENS DE MARCIAL DORADO
Nos últimos meses, unha das grandes poxas celebradas en Galicia foi a subasta dos bens pertencentes ao narcotraficante Marcial Dorado, que cumpre condenas de 16 anos de prisión por un delito de narcotráfico e outro de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e que no seu día mantivo unha estreita amistade co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.
O belisco para Estado polos seus bens subastados foi de 578.000 euros. Entre as propiedades postas á venda estaban varios lotes de inmobles, entre os que se atopaban un conxunto de leiras rústicas, unha nave industrial, unha casa con leira e un ático. Na poxa, saíron tamén á venda varias leiras situadas en Yllera (Ávila) que foron vendidas por 100.345,90 euros e un ático situado en Baiona por 160.000 euros, un 42,60 % máis que o prezo mínimo fixado para suspender a transacción, aínda que douscentos euros por baixo do valor de saída.
Unha nave industrial nun polígono de Cambados adxudicouse en 167.838,40 euros cando a poxa mínima estaba lixeiramente por baixo dos 100.000. Era unha peza interesante, mentres que unha casa con leira en Vilagarcía de Arousa subiu aos 150.000 euros, dez mil máis que o seu prezo de saída.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.