Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 12:23
Continúa a loita por ampliar os contidos en lingua galega nas emisión televisivas. Máis dun ano despois da explosión do fenómeno da ‘Canle Xabarín’ tras unha información de Galicia Confidencial, a aventura comandada pola Mesa pola Normalización Lingüística achégase ao seu tramo final, no Parlamento, momento no que quedará a disposición dos grupos que integran a cámara se a TVG conta ou non cunha canle exclusivamente infantil.
A loita da plataforma, con todo, vai máis alá; como proba o ‘Informe Xabarín’ que veñen de presentar este xoves 29 e que, a ollos da Mesa, constata a escaseza de contidos en galego que hai na TV actual. O “demoledor” estudo conclúe que “ningunha das dez canles temáticas infantís que ofrecen de media as principais operadoras de TV por fibra óptica ofrece contido en galego”.
De feito, apuntan, “só 25 dos máis de 25000 títulos no catálogo global que ofrecen as operadoras recolle a opción do galego, ben en versión orixinal, dobrada ou lexendada”. Ademais, o informe recolle que “TVE non chega a 40 minutos diarios en galego fronte ás 119,4 h diarias en castelán”. Por esta razón, a Mesa decidiu incluír na súa iniciativa Xabarín a que “toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada”.
NETFLIX, HBO, FILMIN
A iniciativa Xabarín promovida pola Mesa procura así tamén que o Parlamento galego reclame ao goberno español que TVE “exerza como canle pública dobrando e lexendando ao galego todos os seus contidos” e que “as cotas que fixará a nova Lei Xeral do Audiovisual para o castelán na dobraxe lexendaxe ou financiamento de producións audiovisuais, sexan idénticas para o galego. Deste xeito, ademais dos posíbeis acordos coa Xunta, tamén a lexislación garantiría os contidos en galego en plataformas como HBO, Netflix ou Filmin”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.