Investigadores da Universidade da Coruña únense á misión europea para investigar a orixe do universo

Intégranse no consorcio internacional que contribúe ao desenvolvemento da misión Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA).

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/05/2021 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Marco A. Álvarez e Daniel Garabato, integráronse recentemente no consorcio internacional que contribúe ao desenvolvemento da misión Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA).

O universo
O universo | Fonte: La Vanguardia

Trátase dunha ambiciosa misión que ten o obxectivo de investigar a orixe do universo, a historia da súa expansión e o crecemento das estruturas cósmicas durante os últimos 10.000 millóns de anos.

O telescopio espacial, cuxo lanzamento está previsto para a segunda metade do ano 2022, cartografiará a forma, brillo e distribución tridimensional de 2.000 millóns de galaxias, cubrindo máis dun terzo do firmamento e remontándose ata o primeiro cuarto da historia do universo.

Así, a súa finalidade é atopar respostas a unha cuestión clave para comprender a evolución e o destino do universo: que papel xogan a materia escura e a enerxía escura. Estes compoñentes combínanse coa gravidade para influír na evolución do cosmos, xa que a enerxía escura acelera a expansión do universo, mentres que a materia escura acelera o crecemento da estrutura cósmica. Con todo, non hai consenso a nivel científico sobre que son en realidade estes compoñentes.

Dentro do proxecto, un total de nove centros de datos procesarán máis de dez petabytes de datos ao longo de dez anos. Estímase que en 2032 poderá facerse pública unha base de datos para a toda a comunidade científica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta