Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/05/2021 | Actualizada ás 21:12
O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia acordou o nivel máximo de restricións para os concellos de Cambados (Pontevedra), Laza (Ourense) e Padrón (A Coruña), medida que entrará en vigor ás 00:00 horas do próximo venres, 14 de maio.
O órgano de expertos, reunido este martes, determinou o nivel alto de limitacións para combater a covid-19 nos municipios de Cangas, A Laracha, Lobios, Oleiros, Ribeira e Vilanova de Arousa.
As medidas de nivel medio serán de obrigado cumprimento nas localidades de Ames, Barbadás, Betanzos, Bueu, Carballeda de Valdeorras, Carral, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Cualedro, Cuntis, Fisterra, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Melide, Moaña, Moraña, Noia, Ordes, A Pastoriza, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas Santiso, Silleda, Soutomaior, Toén, Tomiño e Valga.
No resto, estarán vixentes as restricións do nivel medio baixo. Galicia elevou o luns ao Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), como se prevía, as medidas relativas á limitación de mobilidade e ao dereito de reunión tras decaer o estado de alarma despois de estar durante seis meses en vigor.
As medidas aprobadas pola Xunta, asesorada polo comité clínico, fixan o peche perimetral dos municipios en máximo risco, cinco nese momento -Cambados, Cualedro, Laza, Padrón e Vilanova de Arousa- e tres desde o venres; o toque de queda entre as 23 e as 6 horas nesas localidades; e a restrición de reunións entre a 1 e as 6 en toda Galicia unicamente a persoas convivientes.
Durante o resto do día o encontro entre non convivientes cínguese a un máximo de 4 persoas en interiores e de 6 en exteriores. Todas estas normas deben ser avaladas polo alto tribunal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.