Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2021 | Actualizada ás 22:00
Xela Arias publicou a súa primeira obra en 1986, 'Denuncia do equilibrio', da man de Edicións Xerais de Galicia, agora reeditada e con prologo de Olga Novo, autora recoñecida co 'Premio Nacional de Poesía' do 2020.
"Xa se ve a poeta que ela vai ser. Ese título denuncia precisamente a falta de equilibro social, profundo, e esa procura esencial da independencia persoal", apuntou Novo en declaracións a EP, sobre esta obra que está "asentada en principios moi básicos da súa personalidade" e nos que "vai insistir en obras seguintes" ata 'Intempériome', para moitos o seu poemario máis traballado.
Pero houbo que agardar uns anos máis, ata comezos dos 90, para coñecer a súa segunda obra, 'Tigres coma cabalos', un poemario "pioneiro" e un exemplo da vocación da autora por romper as barreiras da linguaxe e na que os seus poemas dialogan cunha serie de fotografías de espidos realizadas pola súa exparella, Xulio Gil.
"Mostran corpos espidos, o dela e doutros, e a recepción non acompañou realmente ao sentido que ela quería daquela obra. O da beleza, da liberdade dos corpos que se achegan, aproxímanse e ámanse. Un canto á liberdade", destacou Olga Novo, animando a reler e recuperar unha obra que permite "celebrar esa diversidade", sen tabús.
POUCO ENTENDIDA
Esta obra rachadora pasou sen pena nin gloria, a pesar da importancia e do significado que a propia autora quería transmitir con ela. De feito foi mesmo criticada no seu tempo. Xela Arias utilizaba fotos de corpos espidos, mesmo o seu propio, para reivindicar a radicalidade, sensibilidade e diversidade do corpo humano na súa máxima espresión. Pouca xente a entendeu entón, como tampouco agora, 30 anos despois.
E o certo é que chama a atención que na Galicia do ano 21 aínda haxa no mundo da crítica e das institucións quen tente pasar por alto unha obra revolucionaria e visionaria coa que quería naturalizar a relación que homes e mulleres temos co noso propio corpo e, sobre todo, facer deles, poesía viva. Eses espidos seguen estando medio ocultos, como o foron entón, por ese medo atávico e católico a falar sen pudor dos corpos nús. Pola contra, estes días destacase outra fantástica obra, Darío a Diario, que Xela Arias adicou ao se fillo, na que todos ven a "feminidade e maternidade" da poeta.
Foi precisamente esta mestizaxe de formatos e linguaxes o que a sitúa como unha avanzada ao seu tempo."Foi unha precursora na fusión da poesía con outras disciplinas creativas e aventurouse a baixar a poesía da cadeira de brazos do lector, adiantando o que caracterizaría a ética e a estética dos 90 á nosa xeración, buscando a conexión co lector e levala a pé de rúa", engade a poeta Yolanda Castaño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.