Os tesouros que pretenden "espoliar" os Franco: a cadeira de Pardo Bazán e unha ánfora do século III a.c.

Defende Meirás insta á Xunta a protexer os bens mobles de Meirás para impedir que o Pazo remate baleiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A problemática do Pazo de Meirás segue adiante. Unha vez os tribunais dirimiron xa que a propiedade do inmoble corresponde ao Estado, a disputa cos descendentes do ditador céntrase no mobiliario do complexo, que lonxe de ser cousa común garda auténticos tesouros do patrimonio cultural galego e universal; unha riqueza pola cal distintas asociacións veñen de esixir á Xunta que se lance xa á batalla legal para impedir que o pazo remate baleiro.

A ánfora datada do s. III a.c. recibida por Franco pouco antes de morrer e que agora os seus herdeiros queren retirar do Pazo de Meirás
A ánfora datada do s. III a.c. recibida por Franco pouco antes de morrer e que agora os seus herdeiros queren retirar do Pazo de Meirás | Fonte: Defende Meirás

Unha das plataformas máis activas nesta presión á Xunta de Galicia é a iniciativa Defende Meirás, que logo de lanzar unha nova petición ao goberno autonómico vén de comezar agora unha serie de publicacións para que a cidadanía galega coñeza parte dos bens incluídos no catálogo do Pazo de Meirás que a familia Franco pretende retirar “ou xa retirou nalgún caso”.

Aínda que as estatuas do Mestre Mateo son quizais os bens máis destacables, no Pazo de Meirás hai bens máis antigos e dun valor patrimonial incalculable. Tal é o caso da ánfora datada do século III antes de cristo que Francisco Franco recibiu en decembro de 1974, nun acto celebrado en El Pardo e que pretendía manter viva a chama o Movimiento unha vez falecera o xa maltreito ditador.

A ánfora en cuestión, que ao parecer foi recollida no Estreito de Xibraltar por submarinistas ceutís, dataría de nada menos que o século III antes de cristo. Máis recentes, pero se cadra non menos valiosas, son as cadeiras neogóticas que formaban parte do conxunto do Pazo cando os Franco se apropiaron del en 1938, segundo a sentenza da xustiza. Segundo apuntan dende Defende Meirás, a máis grande das cinco cadeiras formaba parte do escritorio de Emilia Pardo Bazán. 

BENS QUE XA LEVARON

Por último, un dos bens que os Franco xa extraeron do Pazo é a cornamenta dun elefante chegada en 1940 como agasallo do Gobernador da antiga Guinea española, Juan Fontán Lobé. A singular peza foi colocada no interior do pazo e alí permaneceron ata o ano 2020. Segundo explican dende Defende Meirás, os Franco “retiraron os dentes xunto con outros elementos que ían levar en camións de mudanza. O resto da historia xa é coñecida. E agora corremos o risco que máis de bens corran a mesma sorte que os dentes”, engaden.

Ánfora datada do s. III a.c. no interior do Pazo de Meirás
Ánfora datada do s. III a.c. no interior do Pazo de Meirás | Fonte: Defende Meirás

Interior do pazo de Meirás
Interior do pazo de Meirás | Fonte: Defende Meirás
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta