Por Serafin Pazos | Bruxelas | 24/05/2021
O conservadorismo, con C maiúscula ou minúscula, non é unha ideoloxía cun corpus que se pretende coherente, codificado por unha serie de textos fundadores, tal como os textos dos ilustrados británicos para o liberalismo, “de Rerum Novarum” para os demócrata-cristiáns ou o “Das Kapital” para os Comunistas. Ser conservador é coma ser progresista, un instinto máis ca unha idea. A non ser que pensemos n’A Terceira Vía de Anthony Giddens é un deses tratados seminais. Moito nos libramos do seu infumable manual de socioloxía grazas ó de Guy Rocher.
Dise que Galicia é un país conservador. Xa evocamos nesa columna da “Trasversal Conservadora” como a chamou Manuel Barreiro en “A Novísima Dereita e Nós”. De feito, vai alén do ideolóxico. Boina ou gafapasta, é sorprendente a enorme consistencia coa que o galego defende que non lle movan os marcos (mentais ou físicos) e porfía por manter o pouco que cre ter.
Máis dunha vez me teñen saído coa escusa doada de que “os galegos son fachas”. Dito, por exemplo, por alguén de Álava a dous pasos de Navarra ten truco, por moito que se predique coma nacionalista vasca. Claro que un alavés ou navarro foralista non só son conservadores do seu senón que buscan conservalo ben. Só hai que ver o ben coidados ás veces ata o extremo da caricatura que teñen as vilas. Fraga dicía querer ser bávaro naqueles anos de ensoñacións da “Europa das Rexións”. Enxeñeiros de alta precisión e homes en pantalóns curtos de pel. Folclore en vez de cultura para a cohesión do grupo e a separación dos outros.
Nós somos conservadores doutra caste, non moi diferente a ese que predomina no levante español: moito pelotazo inmobiliario na Manga do Mar Menor do “Un Dos Tres” co acuífero flotando en cores psicodélicas da contaminación que agora se quere tirar dos fondos europeos -outro pelotazo- para limpar.
Aquí non temos a “puxante propiedade agraria con ilegais traballando” que diría Enric Juliana, tampouco demasiados militares e influxo da Universidade Católica de Murcia, algo máis o de sistema de poder ben conectado con Madrid. Aquí non chegamos a tanto, e por iso non entra a extrema dereita (de momento, xa vimos o que pasou en Galicia vinte días de votar o Estatuto do 36) somos máis de deixar o monte arder e logo vender a madeira, cortar os carballos que engalanaban as beiras das estradas de Friol coma se fose no Tory Somerset inglés. Os árbores, non a tala. Tamén entre conservadores hai clases. A casa dos pais, esa herdanza pola forza que dicía Xurxo Ayán e Gago, mellor deixala a monte ou con sorte venderlla vía “GalicianHomes” a uns ingleses pagando bos cartos -os moi parvos, pensan- por unhas cantas pedras. Cos cartos mercar un piso nun deses bloques soviético-ucraínos que adornan os Chernóbils urbanísticos que son as nosas vilas.
Andan os opiniólogos progresistas cavilando se Casado pode conciliar a novísima dereita sen complexos e cañas liberais de Ayuso con esa moderación de Feijóo. Quen anda pedindo moverse cara posicionamentos máis europeos, non se sabe se da CDU ou do FDP. Mais non está claro que sexa tan grande a diferenza: impostos baixos pero subvencióname a educación concertada, liberdade de oportunidades pero o importante é colocarme o fillo, sanidade para todos, si, pero eu quero escoller mútua e se tal págasma ti, recalifícame eses terreos. Se tal a diferencia está no contexto e o clima, no Madrid do “pille” todo ten que estar aberto as 24 horas pero entre nós hai que protexer a licencia da farmacéutica e a do taxista.
O curioso e que sendo un colectivo que frecuentemente é maioritario na sociedade os extremadamente diversos grupos que o forman están unidos case por unha actitude mesiánica e irracional – o labrego sen apenas estudos e o rexistrador da propiedade que pouco antes de converterse en Vicepresidente da Xunta grazas ós votos do outro escribía na prensa provinciana a necesidade de respectar os privilexios da súa estirpe elixida de funcionarios do Estado- de ser os mellores e superiores: os Conservadores ingleses chámanse a si mesmos “o partido natural de goberno” aquí “o partido que máis se parece a Galicia”. Nisto non lle falta razón, ainda que só fose en termos relativos.
E ainda así non nos viña mal máis conservadorismo. Pero do bo. Do que protexe o medio, a cultura, o patrimonio, do que é escéptico dos grandes plans dos vendedores de fume e o ilusionismo de cartón pedra de boa parte da progresía, que mira os amigos pero xúlgaos polo valor da vaquiña. Que non anda pendente das modas e pense a medio e longo prazo, e préstalles tanto tempo coma o que se lle adica a pensar sobre as fazañas do pasado, imaxinario ou non.
En troques temos algo que resulta difícil chamarlle conservadorismo. Non lles verás argumentando en torno a valores que en teoría son fundamentais para as súas bases e que por hixiene democrática é bo para todos defender as conviccións de cada un. Máis ca conservadorismo estamos nunha versión postmoderna do nihilismo. Os que veñan despois, que lles dean morcilla.