Galicia Confidencial xa é parte da familia Tik Tok

É o primeiro cibermedio galego en abrir perfil nesta popular rede social cunha aposta pola información para os máis novos. O GC continúa como o medio en galego máis lido na internet e como o segundo no panorama mediatico de Galicia tras La Voz de Galicia, segundo Alexa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/05/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial abriu a comezos de abril nova canle en Tik Tok. Convertese así no primeiro cibermedio galego en ter conta nesta nova rede social, moi popular entre a xente moza. O Tik Tok do GC, aberto hai unhas semanas, está dirixido por Patricia Otero e Carlota Álvarez, que tentarán darlle un aire fresco e novo ao medio de comunicación en galego máis veterano e máis lido de Galicia.

O Galicia Confidencial chega a TikTok
O Galicia Confidencial chega a TikTok

A conta do Tik Tok do GC está chea de curiosidades e información contada dun xeito diferente para ser dixerida para un público, principalmente, mozo. Conta, ademais, coa sección "Bule Bulo" para informar aos máis novos sobre os bulos que corren pola rede e evitar, así, que contribúan a espallalos. Tamén ten unha sección sobre toponimia galega na que se amosan os curisosos nomes que existen no país, así como pequenas pezas nas que se debulla a actualidade galega. Así que @s que teñades conta nesta rede, apurade a seguirnos.

Por outra banda, GC tamén está innovando a súa canle de Instagram na que tenta amosar datos e informacións relevantes, entre eles, sobre a Covid-19 e na que activou, ademais, un diario de titulares. Ademais, levou ao Instagram a popular sección do GC sobre fraseoloxía galega que o lingüista Xosé Antonio Pena Romay leva publicando desde hai catro anos.

UNHA COMUNIDADE DE MÁIS DE 90.000 PERSOAS

Deste xeito, GC volve ser o primeiro cibermedio galego en innovar nunha rede social, como no seu día fixo en Telegram, creando un grupo informativo que hoxe ten case un milleiro de seguidores.  Actualmente, os usuarios do GC nas súas distintas redes sociais (FB, Twitter, Youtube, Telegram ou Instagram) suman máis de 90.000 persoas. 

Este gran avance é tamén en parte froito da implicación e colaboración de lectores anónimos e de numerosas entidades, asociacións e plataformas, especialmente, do sector sanitario, social e medioambiental, que axudaron a visibilizar as novas do GC. Este medio estalles fondamente agradecido por iso.

O SEGUNDO MEDIO MÁIS LIDO EN GALICIA

Unha aposta pola información alternativa e as redes sociais que consolidou ao GC como o medio alternativo de referencia aos xornais tradicionais en Galicia. Este xornal asentouse xa en 2017 como o líder de audiencia da prensa en lingua galega e en 2019 segundo entre todos os medios escritos do país, só por detrás de La Voz de Galicia, posición que mantén desde entón segundo o auditor Alexa, do grupo Amazon.

O equipo de Galicia Confidencial quere agradecer aos milleiros de seguidores a súa confianza en nós, pero tamén a aqueles que polo camiño que fose se achegaron a este medio e entraron no noso xornal. E animamos ao resto de galeg@s a sumarse a unha comunidade que medra de xeito imparable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As chamadas Redes Sociais (son redes para pescar DATOS) pero de Sociais teñen pouco o case nada ! https://i.gal/FalsasRedes