Por X.M. Fernández | Verín | 09/06/2021 | Actualizada ás 22:30
Gonzalo Vaz Parada, Miguel Rivela e Leo Sanmiguel, alumnos de 3º de Educación Primaria do CEIP Amaro Refojo, alcanzaron o segundo, cuarto e sexto postos respectivamente, nos 'Campionatos escolares superTmatik de calculo mental'. Adquire máis mérito esta posición tendo en conta que participaron 20.440 alumnas e alumnos na súa categoría.
Os menores --acompañados polo director do centro educativo, Ricardo Rodríguez-- foron recibidos na casa consistorial polo alcalde, Gerardo Seoane, quen lles obsequiou con tres exemplares do libro “A historia de Verín en 100 obxectos”, editado polo ente municipal. En palabras do propio Seoane: "é un gran orgullo para todos nós contar con tres verineses entre os mellores do mundo en calculo mental, sobre todo tendo en conta que competiron con máis de 20.000 persoas".
Os coñecidos como "Campionatos escolares SuperTmatik de cálculo mental" están destinadas ao alumnado do ensino básico de escolas públicas e privadas e as competicións SuperTmatik alíñan as compoñentes didáctica e lúdica, nunha fórmula xeradora de motivación extra para as aprendizaxes.
Trátase dun campionato que se celebra a nivel mundial vía internet e nel participaron 298.550 alumnos e alumnas de máis de 45 nacionalidades diferentes divididos en 9 categorías. A clasificación realízase co mellor tempo conseguido polos participantes nos tres intentos cos que contan para resolver as 15 probas con operación combinadas ás que se enfrontan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.