Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 22:40
Espállase a loita social contra a implantación de eólicos en Galicia. Conforme se van coñecendo máis e máis proxectos da avalancha que, dende hai meses, inunda as oficinas da Xunta e o Goberno central, a veciñanza de distintos puntos do territorio galego comeza a sumar forzas para se opor a unha implantación que o movemento ecoloxista xa tratou de “espolio”.
O derradeiro caso en estalar é o da veciñanza de Monfero, que se mobiliza contra o Parque Pena do Corvo. Este proxecto eólico “atravesaría o concello” dun punto a outro chegando mesmo a puntos próximos a emprazamentos de grande valor patrimonial, tales como o convento de Monfero. Segundo apuntan dende a veciñanza, que vén de lanzar unha petición en Change.org para loitar contra o proxecto, os promotores ponderan construír 13 aeroxeneradores duns 200 metros de altura.
A oposición ao parque viría, por un lado, porque implicaría deixar ‘pechados’ moitos lugares e parroquias dentro das poligonais do parque; unha problemática que derivaría na perda de valor da calidade de vida pero tamén dos terreos. Segundo cifran dende a veciñanza, esta caída de valor podería oscilar entre o 30% e 50% do prezo orixinal e afectar a propiedades ata a 10 quilómetros do propio parque.
De acordo coas mesmas fontes, esta afectación viría dada polos infrasons provocados pola actividade eólica, pero tamén polo impacto visual dos muíños. Á parte estaría a catalogación do chan, que ao pasar a ser parque industrial implicaría unha perda sobre a propiedade da terra. “Cando a promotora, neste caso Iberdrola, obtén o permiso, o primeiro que fai é ir ao Rexistro da Propiedade a rexistrar o perímetro do parque industrial, e a partir de aí perdemos a potestade sobre estas terras, que pasan a ser de utilidade pública coas suas consecuencias, entre elas, a posible expropiación, ou afectacións á PAC”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.