Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/06/2021
No ano 2000 Fraga encargou a unha serie de renomeados académicos a elaboración dun informe de prospectiva “Galicia 2010” sobre como sería o país en dez anos. As conclusións non lle gustaron e gardouse nun caixón. Só foi polo voluntarismo dos participantes do proxecto que o informe se publicou nunha web (xa desactivada). Hai unhas semanas o Pedro Sánchez presentou un informe semellante “España 2050”, tamén con renomeados académicos, que foi obxecto de moitas criticas. Parte do problema foi que non se lle ocorreu outra cousa que facelo apadriñado polo xefe da Moncloa Iván Redondo (o departamento que se encarga dese tipo de estudos depende del).
Sen embargo, xulgando polas partes que un domina, nada hai que obxectar ao contido e a bibliografía utilizada. Iso si, vista a tempestade, moitos dos recoñecidos académicos, senón escarmentaron xa visto os que se meteron a deseñar hai uns meses unha metodoloxía para avaliar o cumprimento do programa do goberno, farano agora. Seguramente xa a terceira vez non terán ganas de meterse en tal sarillo. Sería unha mágoa.
Hai tamén uns días o goberno central publicou a nova estratexia 2030 dos Obxectivos de Desenrolo Sostible sobre o cumprimento do programa que o Estado Español -coma o resto de Estados Membros- se comprometeu coa ONU no ano 2018 a acadar ao final desta década. Non son entelequias no aire.
E iso que o plan 2030 e non digamos o de 2050 en realidade non entran en aspectos fundamentais. Non se fala de Cataluña, do chamado “encaixe”. Sendo como é un estudo de prospectiva tampouco prevé cantos falantes terá unha das linguas oficiais do estado, o Galego, en só dúas décadas. Aínda que xa co descenso de poboación o final da película está claro. Significativo é que os aspectos máis técnicos dos que si fala (desemprego xuvenil, medio ambiente, pensións) os obxectivos que suxire o estudo para dentro de vinte anos non son precisamente moi esperanzadores; non se fala de eliminar a pobreza infantil ou as carencias da educación primaria, simplemente de evitar e mellorar respecto da tendencia actual. Sinal do difícil que é facer agora cambios para o futuro coas inercias herdadas do pasado. A España de 2050 non será Alemaña Bis.
Obviamente ós analistas políticos, académicos e fontaneiros encántanos os estudos. Non nos gustan os argumentos baseados no “e ti máis” ou nas etiquetas de facha-comunista. Gobernar desde a evidencia, argumentar desde os datos propostas contrapostas é fundamental nunha democracia real.
Nestes momentos o goberno central lanzou tamén unha consulta pública para a primeira Lei integral de Avaliación de Políticas Públicas da Administración Xeral do Estado. Algo benvido pero xa veremos cal é o interese en participar. Aínda que hai esperanzas.
A finais de maio estiven en Soria onde presentamos a Sánchez, Casado, Belarra, varios presidentes autonómicos, os voceiros dos partidos do Congreso, un estudo que coordinei sobre como desenrolar para o contexto español unha metodoloxía de “Rural Proofing”, que é o típico palabro inventado no Reino Unido para denominar a avaliación do impacto das normas feitas por políticos e funcionarios capitalinos na realidade do mundo rural. 100 persoas, desde académicos a xente que ten un pequeno negocio rural, traballamos durante meses para amosar as barbaridades que por disciplencia administrativa se impoñen a aqueles que viven nas zonas en risco de despoboamento. Interese hai se se busca.
E onde queda Galicia en todo isto? Pois non se sabe. Nin está nin se lle espera, polo momento.
Non será por falta de datos: as perspectivas dos estudos desde a UE sobre Galicia non son moi esperanzadoras, véxase os datos que apuntei hai agora un ano na columna “Galicia e os Feitos”. Tamén hai uns día o equipo de Víctor Lapuente (profesor en Suecia pero fixo da Ser e El País) publicou a nova edición do índice de calidade de gobernos “rexionais” -estudo pagado pola Comisión Europea- onde Galicia aparece de novo na metade para abaixo. E iso que melloramos, que no estudo anterior Galicia destacábase co maior descenso na percepción de calidade de goberno de Europa occidental.
Pero non é cousa do malos malísimos que son os gobernantes. Hai uns meses a Xunta presentou unhas propostas para o Plan de Recuperación. Logo o Bloque sacou un plan alternativo (moito máis detallado, como analizamos aquí) e a rebufo o PSDdG anunciou unhas propostas tamén. Pois ben, onde está o debate público, ou alomenos nos bares, sobre cales son as mellores propostas para sacar a Galicia da melloría da morte lenta? Todo o interese vaise en falar de Rociito, da Eurocopa e sucesos lutuosos. Cousas que non contribuirán en nada a facer de Galicia un sitio mellor. Pero entreteñen e non esixen responsabilidade algunha.