Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/06/2021 | Actualizada ás 09:00
Os alumnos de curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de Xosé López e José Casás e coa colaboración do Colexio de Xornalistas, veñen de publicar unha guía con consellos, referencias e ferramentas para elaboración dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía: Proxecto Decode. Esta nova guía é o resultado dunha iniciativa no marco da V Convocatoria de proxectos de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) da Vicerreitoría de Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela.
O documento, tamén dispoñible en versión web, repasa o panorama da evolución do xornalismo dixital e as tecnoloxías da información e a comunicación, tras o que se presenta a situación lexislativa actual sobre a comunicación na Internet e nas redes a nivel global, europeo, estatal, autonómico e local. A continuación, o terceiro apartado, dá consellos sobre temáticas, estilo, personalización de contidos ou estratexias para os comunicadores no mundo dixital; explica como recompilar datos e como utilizar ferramentas como o big data e a intelixencia artificial; introduce os diferentes formatos do xornalismo dixital e ofrece suxestións sobre ciberseguridade.
O seguinte capítulo da guía facilita referencias concretas para a realización de información dixital, desde investigadores expertos en xornalismo tecnolóxico até institucións, pasando tamén por páxinas de verificación e outras iniciativas, ademais de outras ferramentas para a procura de fontes ou a redacción tecnolóxica. A guía complétase con entrevistas en profundidade a algúns dos xornalistas máis relevantes do mundo dixital galego (Carlos García Verdugo, Marcus Fernández, María Yáñez Anllo e Pablo Grandío) e un glosario dos termos máis frecuentes dun mundo, o de Internet e as redes, en constante actualización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.