A discordia polas cegoñas 'okupas' de Ourense chega á Valedora do Pobo

Asociacións ecoloxistas piden paralizar varias obras na cidade despois de que tres parellas de cegoñas aniñaran nos seus guindastres.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 09:15

Comparte esta noticia

O asentamento de tres parellas de cegoñas no concello de Ourense segue traendo cola para unha polémica que ameaza con se prolongar no tempo. Estes exemplares de cegoña branca, especie protexida por lei, asentaron os seus niños sobre tres guindastres de obras que, nese momento, estaban a ser desenvoltas na cidade; entre elas o caso dunha construción ao cargo de Copasa que chegou a xerar algún intercambio de acusacións co movemento ecoloxista.

Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021
Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021 | Fonte: Ecoloxistas en Acción-Amigos das Cegoñas

A problemática está en que estas cegoñas brancas, como especie protexida que son, contan coa prioridade da Unión Europea á hora de salvagardar os seus niños e pitos. De aí que o movemento ecoloxista, en particular Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción, veñan solicitando a paralización das obras; cuestión que podería saír cara á administración a razón das compensacións que, previsiblemente, rematarían demandando as empresas.

Ante esta espiñenta situación, as asociacións implicadas na protección dos niños de cegoña veñen de demandar axuda á Valedora do Pobo para que protexa os asentamentos e garanta a cría desas pequenas cegoñas que poidan axudar a levantar os números da especie. En particular, Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción demandan á valedora que intermedie para que a Consellería de Medio Ambiente dea orde de deixar sen actividade os guindastres.

A paralización, explican dende Ecoloxistas en Acción, debería ter lugar ata o voo "natural" dos pitos de cegoña; cuestión que se daría arredor de 70 días despois do nacementos destes; que segundo apuntan data, aproximadamente, do primeiro de maio. Trataríase, pois, de impedir o funcionamento da obra ata, aproximadamente, a segunda semana do vindeiro mes de xullo.

As asociacións tamén solicitan que unha vez terminada a época de cría, as administracións busquen ubicacións alternativas para recolocar os niños nun lugar seguro e así esta situación non se volva repetir nas próximas tempadas; circunstancia que os expertos xulgan probable en tanto que as cegoñas procuran, por natureza, puntos elevados como os que permiten os guindastres. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta