Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/06/2021 | Actualizada ás 18:19
A iniciativa 'Sabores ilustrados no Camiño Inglés' ofrecerá aos peregrinos que partan cara a Santiago desde a cidade de Ferrol un talonario gratuíto para degustacións.
A iniciativa, a cargo de CITES en colaboración co Concello de Ferrol e a Xunta, busca promover e dinamizar o Camiño Inglés especialmente no ámbito gastronómico.
A proposta foi presentada na Oficina de Turismo de Ferrol situada no peirao de Curuxeiras, coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a edil de Patrimonio Histórico de Ferrol, Eva Martínez.
Para poder gozar desta proposta, os peregrinos deberán presentar a súa credencial de camiño tanto nesta oficina como noutro tres establecementos hoteleiros, todos eles no propio Camiño Inglés ao seu paso pola cidade naval.
Os que dispoñan deste talonario poderán degustar gratuitamente un almorzo, un aperitivo ilustrado, probar o doce de Ferrol ou recibir un detalle da época en establecementos que forman parte do programa, ademais de acceder gratuitamente ao Museo Naval.
Eva Martínez detallou que "a iniciativa é a unión de dous recursos vitais da cidade, como é o Camiño Inglés e a Ilustración", ao mesmo tempo que incidiu en que "este programa é un aliciente máis tanto no ámbito local como no turístico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.