Conclúen que a vixilancia xenómica é fundamental para xerar alternativas ás restricións de mobilidade

Unha investigación da que forman parte cienfíficos da USC conclué que a secuenciación xenómica da Covid-19 permite a contención do virus e, polo tanto, a construción de políticas alternativas ás restricións de mobilidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A rápida propagación da variante do SARS- CoV-2, 20E (EU1), xurdida en España a comezos do verán de 2020, motivada polas viaxes de vacacións, e estendida rapidamente por Europa, subliña a importancia dun esforzo de secuenciación xenómica coordinado e sistematizado para detectar, rastrexar e analizar variantes emerxentes da COVID-19. Isto, afirman, permitirá deseñar políticas alternativas ás restricións de mobilidade para frear a extensión do virus, "reducindo o risco de introducir variantes e garantindo que as que se introduzan non se propaguen amplamente e poidan manterse en niveis baixos".

Jose Castro Tubío, investigador da USC.
Jose Castro Tubío, investigador da USC. | Fonte: Fonte: USC.

Esta é a principal conclusión do último estudo do consorcio español SeqCOVID que acaba de publicar a revista Nature e que conta coa participación do grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Xenomas e Enfermidade, liderado por José C. Tubío.

“Os nosos resultados demostran como unha variante pode converterse rapidamente en dominante mesmo en ausencia dunha vantaxe de transmisión substancial en condicións favorables en contornas epidemiolóxicas”, explica José Tubío.  A vixilancia xenómica é fundamental para comprender como as viaxes poden afectar á transmisión do SARS- CoV-2 e, polo tanto, “para deseñar futuras estratexias de contención nunha situación normalizada de mobilidade intercontinental”, segundo o investigador da USC.

Os responsables da formulación de políticas necesitan unha avaliación áxil sobre se unha nova variante aumenta a propagación do virus, evade a inmunidade preexistente ou ten diferentes propiedades clínicas. No caso de 20E (EU1) ningún destes factores parece cambiar substancialmente, o que a converte nun claro exemplo de como as viaxes, sumadas a grandes diferenzas rexionais na prevalencia, poden conducir a cambios rápidos na distribución da variante sen unha aparente transmisibilidade.

“Conscientes de que a longo prazo as restricións de mobilidade e os peches de fronteiras non son sostibles, identificar mellores formas de reducir o risco de introducir variantes e garantir que as que se introduzan non se propaguen amplamente, axudará aos países a controlar o SARS-CoV-2”, sostén Castro Tubío.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta