As dragaxes, o novo perigo para a illa de Sálvora e a ría de Arousa

Adega e a PDRA critican que o Porto de Vilagarcía estea realizando estas operacións a pesar da súa perigosidade para a ría e tras ser prohibidas polo propio Ministerio de Transición Ecolóxica.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 18/06/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O pasado abril o Ministerio de Transición Ecolóxica prohibíu o depósito de áridos no punto de vertido de Sálvora até contar con alternativas. Pero, a pesar diso, o Porto de Vilargarcía, dependente dese ministerio, teima en seguir deitando dragaxes nesta illa.

Mapa que amosa os efectos das dragaxes na Illa de Sálvora
Mapa que amosa os efectos das dragaxes na Illa de Sálvora | Fonte: Adega

Nestes días remata o prazo de consultas previas do proxecto de dragaxe da dársena e accesos do porto de Vilagarcía. As obras pretenden extraer uns 100.000 metros cúbicos de sedimentos, fundalmentamente lamas, da canle de entrada e zonas da dársena até acadar a cota -10. Segundo denuncia a asociación ecoloxista Adega, Estes materiais, algúns con potencial contaminante (metais pesados e hidrocarburos) serían vertidos na boca da ría de Arousa nunha zona próxima á Illa de Sálvora, que o Ministerio de Transición Ecolóxica clausurou diante das protestas das confrarías e ecoloxistas e as advertencia do persoal investigador do IIM (Instituto de Investigacións Mariñas).

O proxecto de dragaxe redactado en novembro de 2020 é anterior á decisión de suspender as actuacións de vertido en Sálvora tomada polo Minsterio de Transición Ecolóxica en abril de 2021. "Porén, este organismo nen sequera debería ter admintido a trámite un proxecto que vulnera a resolución de non verter máis dragaxes en Sálvora até estudar outras alternativas menos impactantes", apuntan desde Adega.

Tamén a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) critica esas medidas e presentou alegacións en relación ao proxecto de dragado da canle de entrada e dársenas do Porto de Vilagarcía de Arousa e posterior vertido no Punto de Vertido de Sálvora (P.V.S.).

O porto de Vilagarcía xustifica estes vertidos en dous estudos técnicos que xustifican a idoneidade do punto de vertido de Sálvora. Son o "Estudo da zona de vertido Sálvora" realizado por Portos de Galiza e o "Estudo de dispersión de sedimentos en Sálvora" realizado pola consultora Aquatica ingeniería civil, ambos en 2016. Con todo, os ecoloxistas denuncian que estes estudos descoñecen as cantidades reais vertidas en Sálvora e amosan importantes inexactitudes e contradicións.

"Minusvaloran o papel das correntes mareais e de afloramento e non explican onde foron parar 2 millóns de metros cúbicos de materiais vertidos e que xa non se atopan na zona", indican ao tempo que suliñan que, por efecto das correntes, desapareceron 2 millóns de toneladas de materiais, os máis finos e con maior carga contaminante. "Os datos dos modelos de dispersión de correntes corroboran que estes materiais perdidos foron recirculados novamente cara o interior polas mareas e as correntes de afloramento, incorporándose á cadea trófica das rías", apunta Adega nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta