Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/06/2021 | Actualizada ás 21:10
Na noite do domingo ao luns, ás 5.32 horas do día 21 de xuño, dá comezo o verán no hemisferio norte. “En dito instante o Sol estará no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación con respecto ao ecuador. Nestes días, polo tanto, temos a meirande diferenza entre o día e a noite”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
A estación que agora comeza prolongarase ata as 21.21 horas do 22 de setembro. Estes 93,66 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. Nesta ocasión, a visión das Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto verase favorecida pola fase lunar, que estará entre nova e crecente e que, polo tanto, “non vai estorbar durante a noite”, matiza o profesor Docobo. “Dende lugares sen contaminación luminosa poderían observarse sobre 100 meteoros/hora”, engade.
Por outra banda, os planetas Xúpiter e Saturno, bastante próximos entre si, van poder ser contemplados ao logo de todo o verán. Tamén vai ser destacable a aliñación dos planetas Mercurio, Venus e Marte en agosto, cara o oeste, logo do solpor. Como en anos precedentes, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller impartirá sesións públicas de divulgación da astronomía en 24 localidades galegas, dentro de dous programas no marco do Xacobeo 21-22.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.