Pedro e Muño, a historia do primeiro matrimonio homosexual coñecido de Galicia hai case mil anos

Rairiz de Veiga foi testemuña da unión entre Pedro e Muño, considerado o primeiro matrimonio homosexual documentado do Estado español. Porén, segundo o filólogo Carlos Callón, non debe considerarse como un feito extraordinario da sociedade medieval.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A ourensá parroquia de Santa María de Ordes, no concello de Rairiz de Veiga, acollía no 1061 o que se considera o primeiro matrimonio homosexual documentado, non só de Galicia, senón da Península Ibérica. Esta historia sorprende pola súa data, aínda máis tendo en conta que non sería ata o 2005 cando se acepta a Lei de Matrimonio Homosexual. Tratouse da unión oficial entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz, dous homes que vivían xunto a Igrexa da parroquia. 

Imaxe de unións civís homosexuais na Idade Media
Imaxe de unións civís homosexuais na Idade Media

A historia coñécese grazas a un documento testemuña que se atopou no tombo do Mosteiro de Celanova e que actualmente se encontra o Arquivo Histórico Nacional de Madrid. Nel consérvase o pacto que firmaron Pedro e Muño o 16 de abril de 1061, un pacto relacionado coa convivencia no fogar e a repartición de bens. O que reflicte dito documento, segundo o filólogo Carlos Callón, é un enlace afectivo, desbotando así as teorías que indican que só se trataba dunha unión por intereses económicos ou familiares. 

A unión entre persoas do mesmo xénero na Idade Media chamou a atención do filólogo e profesor Carlos Callón, que publicou no 2011 o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. O interese do filólogo comezou nun principio coa paixón despertada en oitavo de EXB pola literatura galega e escrita medieval e na que afondaría na Universidade, investigando a presenza da homosexualdiade neses textos. A historia da parella de Rairiz de Veiga chegoulle a través do ensaio As bodas da semellanza (1996) de John Boswell, que recibiu numerosos premios e foi traducido ao español. A sorpresa para Carlos Callón, que agarda publicar outro libro sobre o tema, é a pouca repercusión que tivo a obra no noso país.

A HOMOSEXUALIDADE A TRAVÉS DA LITERATURA MEDIEVAL

A historia de Pedro e Muño non debe entenderse como extraordinaria, senón como un exemplo documentado de aspectos que existían nesa sociedade. "O máis antigo que conservamos non quere dicir que sexa o máis antigo que existiu, porque hai evidencias diversas de que existían matrimonios entre dous homes en séculos anteriores", sinala Callón. 

Fragmentos que recollen a unión entre Pedro e Muño
Fragmentos que recollen a unión entre Pedro e Muño | Fonte: Arquivo Histórico Nacional

O documento reflicte como as unións entre homes podían estar institucionalizadas, algo que non ocorría coas mulleres. Porén, o feito de que unha muller amase a outra está recollido na literatura. Carlos Callón recorda que a metade dos textos que falan de lesbianismo na Europa medieval son cantigas galego portuguesas, unha cuestión que non sempre se reflicte nos manuais escolares.

Un exemplo podería ser o caso de Sancha e María, unha parella compostelá da que se coñece a existencia grazas á literatura, un caso extraordinario porque permite coñecer tanto o nome das protagonistas como o lugar onde vivían. "Coñecemos unhas cantigas do x.XIII, mais cantas Sanchas e Marías habería nos séculos posteriores. Tamén existen relatos transexuais que a min mesmo me sorprendeu descubrir porque non me falaran deles", comenta o escritor.

O COLECTIVO LGTB E AS MULLERES NA EDUCACIÓN

"Preocupame tanto a cuestión LGTB como a presenza das mulleres nos manuais escolares. Evidentemente ten que contarse a historia das mulleres e a historia LGTB, e tratar de sermos obxectivos e non caer nos conceptos misóxenos, machistas ou homófobos", apunta o profesor. A educación non sempre reflicte de maneira fidediga a importancia e realidade de diferentes grupos sociais. 

Un exemplo poderían ser as cantigas de escarnio e maldizer, que moitas veces se viron censuradas polo seu carácter obsceno. Carlos Callón recorda como o propio Alfonso X non só escribía cantigas de Santa María, senón tamén as clasificadas como de escarnio e maldizer. "Hai cantigas que poden ser moi obscenas, mais de calquera xeito debe reflectirse a pluralidade do que esas composicións significan", apunta. Neste tipo de composicións tamén se atopan diferentes referencias a comportamentos homosexuais e composicións categorizadas ás veces como homófobas cando en realidade, para Carlos Callón, non sempre o son. "

"Acabase facendo unha peneira de cantigas que pode dar lugar a imaxes distorsionadas. É habitual nos libros de texto salientar as mesmas cantigas misóxenas, de desprezo ás mulleres. Está ben que iso se comente, pero tamén o é que se fale do protagonismo que tiveron as mulleres nesa etapa histórica", comenta o filólogo. 

Achegar cuestións de identidade sexual ou da presenza das mulleres nos libros de texto resulta importante en termos de obxectividade e de dereitos humanos. Para Callón, estas historias non só é unha "forma máis fidedigna de coñecer a historia", senón que tamén "vai permitir que estes grupos sociais teñan referentes para desenvolveren a súa vida con máis normalidade nos tempos actuais". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fidel

Que a realidade moderna modele e torture os textos pra acomodalos ós lobbys de moda do momento. Revisemos a historia e inventemos queerlandias medievais que só existen nos desexos dos historiadores... Posmodernismo.

1 pdGw

Como había dúas persoas que convivían, xa é un "matrimonio homosexual" e non era nada "extraordinario" na "idade media". En fín... total vendo de quen ven.