SOS Ferrolterra: unhas 700 persoas maniféstanse para reclaman solucións industriais e laborais

Os sindicatos denuncian que o Goberno central está "desaparecido" mentres a Xunta "vive da propaganda" e o BNG critica a Yolanda Díaz.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 27/06/2021 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

Centos de persoas manifestáronse no mediodía deste domingo na ponte das Pías, que divide ás localidades de Ferrol e Fene (A Coruña), para lanzar un 'SOS Ferrolterra - Polo futuro da comarca', tal e como aparecía na pancarta que encabezaba a marcha e que partiu da cidade departamental cuns 500 participantes. Os 200 restantes saíron desde o municipio veciño.

Trátase dunha convocatoria unitaria realizada desde os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT e que reuniu a varios alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. A mobilización concluíu no medio da ponte das Pías, sobre a ría, onde de maneira simbólica tirouse un barco de cartón ao mar cunha clara demanda a babor e estribor: 'SOS Ferrolterra'.

"UNHA BATALLA MÁIS DENTRO DESTA GUERRA"

O secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, asegurou que esta mobilización foi "unha batalla máis dentro desta guerra, ante a situación de desemprego, pobreza e emigración da nosa mocidade". Así, acusou ás administracións de vivir "de culparse unhas outras", xa que o Goberno central está "desaparecido, que parece que nin está nin se lle espera", e a Xunta "vive da propaganda e esquecendo que son os verdadeiros responsables da política industrial" do país.

Desde CC.OO., o seu novo secretario comarcal, José Hurtado, detallou que a comarca está "en declive": "Pechouse Siemens Gamesa nas Somozas (A Coruña), a central térmica de Endesa nas Pontes (A Coruña) está a agonizar e Navantia está como está", en alusión á falta de carga de traballo no estaleiro. Por iso, pediu que "as administracións dunha vez por todas deixen de facerse a guerra unhas a outras", porque o "importante" é "que a xente vexa que estamos a pelexar polo futuro da comarca".

"NON SE NOS ESTÁ ESCOITANDO"

José Antonio Díaz, secretario comarcal de UGT, aseverou que "non é posible" que os sectores económicos da zona estean nesta situación e con esta "inacción política". "E non se nos está escoitando", apuntou. Ante este panorama, Díaz asegurou que "Ferrolterra está unida na procura de carga de traballo para o sector naval" e que devolvan todo o que "roubaron desde a primeira reconversión que existiu".

CONSTRUCIÓN NAVAL CIVIL

Nesta mobilización tamén se deu cita o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen reclamou para este territorio "un plan de reactivación industrial e económica, que sexa atendido por parte das administracións competentes" ante o que é "un abandono tanto por parte do Goberno central como por parte do Goberno da Xunta".

O nacionalista volveu a reclamar a conversión de Navantia "nun complexo industrial integral, coa diversificación e a incorporación fundamental da construción naval civil", así como unha transición enerxética xusta fronte "ao peche da central térmica das Pontes sen alternativas", ademas de "unha rexeneración na ría de Ferrol": "Sabemos que a día de hoxe está no mínimo da súa capacidade produtiva".

Manifestación polas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortgal na ponte das Pías, que divide Ferrol e Fene.
Manifestación polas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortgal na ponte das Pías, que divide Ferrol e Fene. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta