Polo momento, as atitudes cara á consulta de 2014 devalan entre a postura militante mantida por Francesc e os plantexamentos ácratas de Manuel. Josep é profesor xubilado, historiador arredista e milita en ERC dende a década de 1980. Asiduo do casal do seu barrio, ten vivido todas as loitas internas do independentismo, dende os tempo de Colom e Rahola, escisións, coalicións inverosímiles, debacles eleitorais e repuntes significativos. Para el esta é a grande oportunidade, quizabes a última que vexa. O seu discurso non sabe de concesións a España. Pola súa vez, Manuel é un galego que chegou de pequeniño á cidade dos prodixios. Profesor, para el o Poder é un incordio: “cantas máis veces teña que sacar un carné de identidade, pior será”. Cando lle pregunto pola súa postura perante a futura consulta zanxa a cuestión deste xeito: “mira, se por min fora, para votar habería que ter un control da capacidade intelectual do potencial votante, así cho digo, porque isto está cheo de borregos manipulados por políticos sen escrúpulos”. Manuel non é antinacionalista, simplemente non fala catalán no instituto e na vida pública porque non lle sae do carallo, porque non lle gusta que o obriguen a nada. Só se aparece un inspector do ensino, entón si, fala en catalán.
A dona de Manuel, Montse, con familia no Ribeiro ourensán, coméntame que nos dous últimos anos deuse un proceso de radicalización en persoas achegadas, que até aquel intre eran catalanistas pero non independentistas. A clave foi a sentenza do Tribunal Supremo con respecto ao Estatut e o agravio comparativo que supuxo a reforma do Estatut da Comunitat Valenciana. Mentres a caverna de Madrid celebraba con cava aquela decisión xudicial, estaba, sen sabelo, chantando os alicerces dun proceso irreversible.
Cando vou á farmacia do barrio, o boticario recorda a cada cliente que deben agradecerlle a suba do prezo ao goberno de España. Na parede, senllos carteis de iniciativas virtuais e reais como per a canviar-ho tot,
assamblea.cat e
catalunyavolviureenllibertat.cat. Dende aquí dou inicio un completísimo percorrido historiográfico navideño: comezo pola exposición “Barcelona 1700: das pedras ás persoas” no centro cultural do Born, o símbolo material da loita antiborbónica. Continúo no Museu d`Història de la Ciutat onde se exhibe a exposición “O mundo de 1714”. Os andeis do Museu d’Història de la Ciutat están inzados de bestsellers sobre 1714: o sitio da cidade, o papel da muller, a Guerra de Sucesión en tres volumes... D aí achégome á libraría de vello de toda a vida que me agasalla cun Calendari de la Llibertat 2014. Remato a xornada no castelo de Montjüic, no que visito “Catalunya en transición (1971/1980...)”.
O pobo de Moià acolle este Nadal a representación de “Els Pastorets o l’adveniment del referèndum il.legal”, con personaxes como el Converjó, l’Esquerret e o Tercervies.
Esta noite, como na Noiteboa de 1975, o Xefe do Estado do Reino de España defende de forma encuberta a unidade territorial. Desta volta, alomenos non deleita ao público cun panexírico do Caudillo.
A prensa de hoxe faise eco das queixas da Caballé con respeito ao afamado anuncio da Lotaría Nacional, que califica co epíteto de “horroroso”. A contraportada de La Vanguardia recolle unha entrevista á monxa teresiana Viqui Molins, a santa do Raval. Esta dona asiste a presos, organiza pisos de acollida a inmigrantes, asiste a prostitutas do barrio, visita presos. Defínese como “esquerdista e, agora, independentista”.
Flavia é neta de galegos. Fala en catalán co seu irmán. Unicamente emprega o castelán para falar cos seus pais. A ela o da independencia dálle igual, pasa olimpicamente dos temas políticos. Iso si, recorda que toda (repite, toda) a xente nova do seu círculo de íntimos e achegados está a prol da independencia. E remacha: “e pobre de ti se disintes, matizas ou amosas algún tipo de oposición ao proxeto independentista, porque te comen, dialecticamente se entende”. Flavia, virtuosa do violoncello e estudante de física, habita a casa do Eixample na que viviron seus avós. A dia de hoxe a veciñanza está composta maioritariamente por parellas novas con fillos. En todo o edificio, Flavia e os seus pais son os únicos que non son independentistas. Antes da cea da Noiteboa, Flavia terma do violoncello e toca a obra mesta dun músico catalán exiliado. “El cant del ocells” de Pau Casals resoa polo patio do edificio. Faise o silenzo.
Mañá, día de Nadal, recórdase o 80 aniversario da morte de O Avó, o presidente Francesc Macià. En 1936, en plena guerra civil, o cartel conmemorativo de Esquerra Republicana de Catalunya poñía o seguinte: “25 desembre 1933, 25 desembre 1936. Catalunya continuará el seu camí...”.
Un camiño que ninguén en Catalunya quere ver enzoufado con violencia e exilio. Un futuro que soe á esperanza que rezuman as notas do Cant del Ocells.
Empresarios chineses comezan a mercar negocios de hostalería míticos na cidade. Un deles é o Alaska no Passeig Sant Joan, a rentes da que fóra casa dos meus avós. Os rapaces chineses atenden en catalán aos clientes. Pola súa vez, os Todo a Cen orientais non deixan de despachar bandeiras esteladas, prendidas dos balcóns en toda a cidade. Eu de ser Rajoy estaría unha miqueta preocupado. Pero creo que non é o caso. O presidente do Reino de España ceará esta noite en Pontevedra dando conta dun habano, tranquilo, porque remata un ano e... comeza outro, que acaba en 14.