Por X.M. Fernández | Quiroga | 24/07/2021 | Actualizada ás 10:00
Unha das opcións será poder ver no vestíbulo do Auditorio Municipal a exposición “40 anos da Feira do Viño de Quiroga”, coas botellas dos caldos que acudiron á maioría das feiras do viño e acompañadas dos carteis anunciadores. Esta exposición deuse a coñecer na Semana Santa deste ano como lembranza da data na que tiña que celebrarse a feira, e servindo tamén de homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga.
Outras alternativas serán a música e o lecer infantil. O sábado 24 de xullo o grupo Festicultores Troup animará as rúas da vila coa súa espectacular e festeira posta en escena a partir das 21:00 h. e o domingo 25, coincidindo co Día de Galicia, ás 12:45 h. farase unha recepción aos colectivos culturais do municipio, para a continuación disfrutar dun concerto da Banda de Música Santádega.
A actuación, que forma parte do programa “O país das bandas”, terá lugar diante da casa consistorial e conta co patrocinio do Xacobeo 21/22, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Pola tarde, a partir das 20:00 h., o parque da Constitución acollerá un espectáculo para a cativada. Chega a Quiroga o grupo Pakolas con “Ramona Órbita, a dona do tempo”. Esta actuación está enmarcada dentro do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
O fin de festa será ás 21:00 h. e correrá a cargo dos músicos sarriaos que compoñen a coñecida Charanga Louband. Percorrerán as rúas da vila quiroguesa despedindo unha fin de semana pensada para cubrir os días que acollerían, en condicións normais, a Feira do Viño, evento que este ano se presentaba cunha novidosa proposta na que se acollían adegas profesionais e colleiteiros.
Esta fin de semana de actividades de lecer e entretemento son, segundo a Concellería de Cultura de Quiroga, “un pequeno anticipo do ‘Verán cultural de Quiroga’ que acollerá numerosas actuación para todos os públicos durante o mes de agosto”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.