Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 17:29
Tras a aprobación da venda dos autotest de antíxenos en farmacias, a Xunta de Galicia e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia acordaron que sexan as farmacias as que "supervisen e acrediten a validez" das probas, cuxos resultados negativos só terán validez dentro da Comunidade e se a súa realización a supervisa un farmacéutico.
Así o explicou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa celebrada para explicar os cambios nas medidas e restricións da covid-19, e na que tamén se detallou o funcionamento deste novo sistema de detección de coronavirus.
A partir deste xoves, os autotest poderán adquirirse e realizarse no domicilio, ou ben na propia farmacia, onde será o farmacéutico o que "supervise" a toma da mostra, tal e como explicou o presidente do Colexio de farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez.
Os profesionais de farmacia, tras comprobar a identidade do usuario e que este firme o consentimento informado, verificarán que a mostra se toma correctamente. Posteriormente, procesarana e, de resultar positiva, introducirán os datos no rexistro informático da Consellería de Sanidade.
A partir dese momento, tal e como sinalou Comesaña, os positivos pasan ao sistema do Sergas para seguir os protocolos habituais. O conselleiro explicou ademais que, para aqueles que opten por realizar o test no seu domicilio e obteñan un resultado positivo, habilitouse un teléfono --900 400 116-- para que informen o seu estado ao servizo de saúde e "evitar sobrecargar así as Urxencias, a Atención Primaria ou os Puntos de Atención Continuada".
DOCUMENTO ACREDITATIVO
Doutra banda, as persoas que opten por realizar a proba na farmacia e que resulten negativos, obterán ademais un documento acreditativo do resultado, gratuíto e válido só para aquelas actividades restrinxidas dentro da Comunidade que requiran acreditar un negativo para o seu acceso.
"Nin sequera é un certificado, é un documento acreditativo, unha copia do rexistro do nome do cidadán, a farmacia e o resultado do test, polo que non é válido como certificado fóra de Galicia, non está contemplado como certificado europeo --como si o están o test de antíxenos que se realizan nos puntos habilitados--", asegurou Comesaña.
Ademais, o responsable de Sanidade indicou que os autotest realizados noutro lugar diferente á farmacia, aínda negativos, "non terán validez, xa que non se pode acreditar a identidade das persoas, nin o procedemento da toma da mostra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.