Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2021 | Actualizada ás 16:06
O PSdeG reclamou este luns á Xunta, na véspera do pleno extraordinario para a aprobación do teito de gasto no Parlamento galego (que ascende para 2022 a 11.571 millóns de euros), que poña "vontade e eficacia" á hora de xestionar esa "capacidade histórica de gasto", e advertiu de que, "se hai máis diñeiro que nunca, non pode haber unha Xunta de brazos caídos, en inacción".
Así o trasladou en rolda de prensa o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen puxo en valor que o Executivo de Pedro Sánchez está "a marcar unha política expansiva" para afrontar a saída da crise provocada pola pandemia, fronte ao "austericidio" das políticas de gobernos anteriores do PP.
Respecto diso, apuntou que Galicia poderá realizar un novo gasto histórico e que contará, así mesmo, cos fondos extraordinarios procedentes da UE. Neste contexto, recalcou, "o que hai que pedirlle á Xunta é que goberne", e reclamou á administración autonómica "vontade e eficacia" para a xestión dese gasto.
"Se hai máis diñeiro que nunca, non pode ser que siga a Atención Primaria nunha situación debilitada ou os despedimentos de centos de profesores", proclamou Gonzalo Caballero, quen engadiu que "é hora de despregar todas as competencias e capacidades" porque, cunha "capacidade de gasto histórica", non pode haber "unha Xunta de brazos caídos, na inacción".
Caballero non quixo adiantar o voto do seu grupo no parlamento este xoves, pero recoñeceu que, fronte a un "positivo" incremento do teito de gasto, hai un goberno galego que non ten vontade de acordo nin de diálogo e "actúa como un rodete", o que "dificulta" o apoio dos socialistas.
COMISIÓN BILATERAL
Pola súa banda, a portavoz parlamentaria de Economía do BNG, Noa Presas, incidiu en que o teito de gasto "non sobe, senón que baixa en 93 millóns de euros", polo que pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "que deixe de mentir".
En todo caso, e en previsión de que o goberno galego "vai investir menos recursos", advertiu de que "o que hai que facer é incrementar ese teito e a capacidade de gasto", para o que propuxo a creación dunha "comisión bilateral" entre Xunta e Goberno central co fin de "negociar co Estado máis recursos".
Así, sinalou que esas negociacións deben servir para que "Galicia reciba o que lle corresponde", e lembrou que xa houbo negociacións similares nos casos de Euskadi e Cataluña, e que mesmo as pediu Andalucía, gobernada polo PP.
O BNG incidiu en que esa comisión "é necesaria" para que a Xunta poida expor e reclamar un "trato xusto" na repartición de fondos europeos, maiores investimentos nos próximos Orzamentos Xerais do Estado e para negociar un novo sistema de financiamento.
"MENSAXE DE OPTIMISMO" E CRÍTICAS AO GOBERNO
O viceportavoz do grupo 'popular' e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, insistiu en que o teito de gasto que levará este martes á Cámara autonómica é "excepcional, realista, prudente e rigoroso", e celebrou que Galicia poida incrementar os seus recursos "grazas á sentenza do Tribunal Supremo que obrigou ao Goberno" a transferir os fondos da liquidación do IVE de 2017. "Sánchez negouse a pagar, pero este goberno moroso, mentireiro, agora está obrigado a facelo por orde xudicial", subliñou.
En todo caso, Tellado explicou que os principais obxectivos do goberno galego con este teito de gasto serán, entre outros, "asegurar a capacidade económica, impulsar a reactivación do emprego e garantir a protección aos sectores máis afectados" pola pandemia.
Por todo iso, e tendo en conta que Galicia "encadea dous anos de crecemento, mellorando nestes momentos as cifras previas á pandemia", o viceportavoz do PPdeG quixo lanzar "unha mensaxe de optimismo e confianza na recuperación económica" da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.