Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2021 | Actualizada ás 21:00
A Plataforma veciñal “A Capela di non”, creada coa fin de opoñerse aos Proxectos Eólicos Caaveiro e Tesouro e outros similares, quéixase nun comunicado da "pasividade" do goberno municipal á hora de dar resposta ás súas peticións. A plataforma dirixiuse hai máis de 15 días por escrito ao goberno local para solicitar unha serie de medidas por parte do consistorio pero a día de hoxe o concello non deu resposta oficial a ditas peticións. Por este motivo a Plataforma veciñal reiterou o pasado venres 30 a solicitude de que se atendan as súas reclamacións, especialmente tendo en conta os prazos axustados relativos á tramitación dos devanditos parques eólicos.
Na carta dirixida ao Concello da Capela, a Plataforma solicita a celebración dun pleno extraordinario para abordar o asunto dos parques eólicos en trámite. Ademais pídelle ao Concello unha declaración institucional en contra dos Parques Eólicos Caaveiro e Tesouro. Tamén lle esixen ao Concello que se dirixa a diversos organismos autonómicos e estatais co fin de solicitar infromes que a empresa promotora dos parques non presentou no seu estudo de impacto ambiental, cultural e patrimonial.
Dende a Plataforma veciñal “A Capela di non” aseguran que, a pesar de que non poñen en dúbida a necesidade de transicionar cara a modelos de produción enerxética renovable e limpa, o plan eólico posto en marcha en Galicia "pon en risco o rural galego e os seus valores económicos, sociais e naturais". Ademais tamén indica que a dispersión dos parques fai que se necesite ampliar a rede eléctrica. "No caso de A Capela, unha liña aérea de alta tensión afectaría a terreos de uso forestal e agropecuario, invadindo durante varios centos de metros o río Belelle e o seu afluente", segundo indica a plataforma no comunicado. Os proxectos tamén afectarían as zonas protexidas LIC Xubia-Castro e ao Parque Natural Fragas do Eume.
Por todos estes motivos a Plataforma “A capela di non” considera "indispensable" a acción do goberno municipal, tanto na presentación de alegacións e dos informes preceptivos, "coa fin de protexer os intereses da veciñanza e dos valores do Concello de A Capela".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.