Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2021 | Actualizada ás 10:00
Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal que xestiona o porto deportivo desta localidade, vén de solicitar permiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para colocar un dique perpendicular á praia de Carabuxeira, de 100 metros de longo de formigón armado, para corrixir a alteración hidrodinámica que o porto deportivo de Sanxenxo exerce sobre este areal e o de Lavapanos. O proxecto de Nauta Sanxenxo propón ademais o deitado de 24.000 m3 de area sobre a praia de Carabuxeira e 3.000 m3 enriba de praia de Lavapanos, así como a ocupación de 350 metros do paso de servidume do dominio público marítimo-terrestre enriba de cantís naturais.
A asociación ecoloxista Adega non tardou en facerse eco da proposta e pedir á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que denegue a autorización ambiental deste proxecto ao entender que "promoven actuacións que, non só non solucionarán a problemática da regresión dos areais de Carabuxeira e Lavapanos, senón que agravarán a alteración das correntes mariñas, suporán un importante impacto para os hábitats e especies mariñas, e aumentarán a presión urbanística sobre o mar".
Ademais, o proxecto de construción chamado "de forma eufemística" 'Rexeneración das praias de Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso', non propón, segundo indican os ecoloxistas, "ningunha solución" que incida nas "causas de orixe" da problemática da regresión dos areais, isto é, a infraestrutura do porto deportivo de Sanxenxo. "Paradoxalmente, prevé a incorporación de máis infraestruturas de formigón no mar e o aporte artificial de area que habería que repoñer de forma recorrente", explica Adega.
DEFECTOS NA AVALIACIÓN AMBIENTAL DO PROXECTO
A proposta de avaliación ambiental do proxecto de Nauta Sanxenxo "carece de rigor", deixa claro Adega. E é que, ao seu ver, ademais de non contemplar alternativas de solución real sobre o porto deportivo de Sanxenxo, non avalía cal pode ser o impacto do novo espigón sobre os fondos mariños e os hábitats de interese comunitario presentes na zona. Adega cita, neste sentido, o caso das comunidades bentónicas de algas e invertegrados (113010 Estuarios), hábitat recollido na Directiva 92/43/CEE.
Tampouco analiza, indica a asociación, que impacto sufrirán aquelas comunidades de animais que viven no areal e que se verán "directamente afectadas" polo aterramento ou deitado de area. Así mesmo, a remoción de area podería favorecer a contaminación biolóxica, e contribuír así a estender as especies exóticas invasoras, que o propio documento de inicio do proxecto recoñece que existen na zona.
Malia a estimar que o retroceso promedio da zona de costa obxecto de estudo por causa da mudanza climática estaría en 5,3 metros para o período 2018-2100, as actuacións programadas "desprezan a certeza do incremento do nivel do mar, xa que favorecen os impactos do cambio climático sobre a costa", resume a asociación ecoloxista.
IMPACTO NO SECTOR PRODUTIVO
O recheo dos areais e a construción do espigón afectarían tamén a catro bancos marisqueiros, dos cales dous se explotan comercialmente na actualidade polas confrarías de Sanxenxo e Bueu, Lourizán, Pontevedra, Portonovo, e Raxó. Tampouco se determina na proposta de Nauta Sanxenxo como estas obras impactarían no estado de conservación destes bancos marisqueiros e na actividade produtiva relacionada coa extracción de longueirón (Ensis ensis) e poliquetos (Lumbrineris impatiens), máis alá do período de construción das obras.
Desde Adega, polo tanto, instan a Nauta Sanxenxo e ás autoridades públicas con competencias no litoral a que "abandonen dunha vez por todas propostas de intervención urbanística agresivas" co dominio público marítimo-terrestre e cos hábitats e especies que nel habitan. Pola contra, esixen a promoción de accións que tendan a "liberar de infraestruturas innecesarias a primeira liña de costa e a corrixir os efectos do cambio climático".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.