Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 15:15
A consellería de Medio Rural e o Concello de Vilar de Barrio estudan realizar labores forestais para previr incendios que afecten a montes da zona, no marco do acordo subscrito entre o Goberno galego, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.
Esa é unha das posibles medidas a aplicar que trataron este venres o conselleiro de Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, nunha videoconferencia co alcalde do municipio ourensán, Manuel Conde. O obxectivo da conversación foi "reforzar a súa colaboración baixo o amparo do convenio de protección de aldeas para avanzar na anticipación aos incendios forestais".
O tres cargos públicos referíronse en específico á posibilidade de realizar tarefas preventivas en monte veciñal de Rebordechau, que xa sufriu os efectos do lume o pasado ano cando un incendio calcinou máis de 50 hectáreas de terreo. Estas tarefas virían substituír ás xa realizadas nunha zona de dez hectáreas da Serra de San Mamede.
Ademais, durante a reunión tamén trataron as potenciais posibilidades que ofrece a aplicación Xesbío. Esta consiste nun programa que permite aos municipios sumados ao convenio de aldeas xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas secundarias, así como comunicarse cos donos de parcelas que están dentro desas franxas.
José González lembrou que o acordo de protección de aldeas "contempla medidas como o reforzo das actuacións preventivas mecanizadas" nos 270 municipios adheridos ata agora. O conselleiro sinalou que os concellos poderán "realizar execucións subsidiarias nas franxas secundarias de ata unmáximo de dez hectáreas por ano" e "solicitar a limpeza ao longo de vías de titularidade municipal ata un máximo de dez quilómetros por ano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.