Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2021 | Actualizada ás 12:38
O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino selou esta semana a Compostela 70.000 no que vai de 2021, o que para a Xunta "confirma a reactivación na chegada de peregrinos" e "certifica a recuperación do Camiño de Santiago".
Nun comunicado, o Goberno galego detallou que o ritmo de chegada de camiñantes a Santiago durante os meses de xullo e agosto supera "o milleiro de peregrinos de media ao día". O 13 de agosto seláronse 1.800 Compostelas, o que supón máis de 16.600 certificados en todo o mes.
No mes de xullo foron 34.000 os peregrinos que se achegaron ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a recoller o seu Compostela. A gran maioría dos camiñantes chegados a Santiago en 2021 fixérono no últimos catro meses debido ás restricións e peches de comunidades que estiveron en vixencia durante o primeiro trimestre do ano.
Esas medidas tamén influíron no perfil do peregrino. Máis do 70% dos chegados -51.600 de 70.770 peregrinos- son de orixe nacional. Doutra banda, en canto ás rutas escollidas, o Camiño francés continúa como a variante maioritariamente escollida, que aglutinou uns 39.000 camiñantes, seguida de lonxe polo Camiño portugués con 17.000 peregrinos.
O Inglés, o Primitivo e o do Norte completan o podio, con algo máis de 4.200 chegadas cada un deles. O Executivo autonómico asegurou que "a maior parte dos peregrinos que chegan a Santiago valoran moi positivamente a experiencia". Así mesmo, achacou esa boa crítica a que o Camiño sexa "sanitariamente seguro", o que para a Xunta o sitúa como "unha excelente experiencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.