Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/09/2021 | Actualizada ás 22:00
A ministra de Transición Ecolóxica sinalaba a falta de “empatía social” desde as empresas hidroeléctricas en referencia ao baleirado de encoros. Por outra parte, a ministra Teresa Ribera deixaba claro que o Goberno non ía intervir o mercado eléctrico para evitar máis subas. No caso galego, as presas da Confederación Hidrográfrica Miño-Sil diminuíron o seu volume de auga durante este verán, xusto cando os prezos no “pool” eléctrico (mercado eléctrico) subían a cotas que eran case imposibles hai un ano con cifras sobre os cen euros.
RENOVABLES E CO2
A transición enerxética está acelerando dentro da UE a adopción de novas fontes de enerxía como a eólica, nalgúns casos mesmo coa afectación de zonas protexidas ambientalmente. Tamén a transición ecolóxica fixo que o mercado das eléctricas e outras industrias pagasen o que se denominan “dereitos de CO2”, unhas taxas sobre as emisións de gases con efecto invernadoiro. Estes “dereitos” encarecen a produción e elevan o prezo do Mw producido por enerxías non renovables.
“Os encoros non se baleiran en inverno porque hai moita oferta (auga para turbinar) e a demanda non é tan alta” di Fins Eirexas de ADEGA. Durante o verán o fenómeno é ao revés, existe pouca oferta (baixa do nivel de auga nos encoros) e a demanda aumenta polo consumo de diferentes aparellos eléctricos.
O mercado das eléctricas é un puzzle onde entran as xeneradoras, o transporte, a distribución e a comercialización. “O pool eléctrico é onde se deciden os prezos e os prezos son fixados polo último Mw que entra nese pool” explica Eirexas. En primeiro lugar entrarían os Mw das renovables, mais cando estes non son abondo, entrarían os Mw producidos primeiro por gas e logo por carbón, as non renovables. “O prezo fixado sobre os Mw producidos por carbón son os que logo marcan os prezos para cada hora ou tramo do día”.
O prezo aumenta debido tanto ás peaxes como ás taxas impostas ao carbón por producir CO2 durante a súa transformación en electricidade. Onde está o negocio? “Primeiro entran os Mw das renovables e por último as non renovables, co aumento da demanda os primeiros Mw non chegan para cubrir necesidades” di Eirexas. Aí é cando entran os Mw suxos de gas e carbón e que disparan os prezos eléctricos. Un Mw producido por carbón fixa o prezo da luz que consumimos veña ou non de renovables.
BALEIRADO DE ENCOROS
As eléctricas que aínda teñen seccións non renovables ademais de renovables como é o caso da hidroeléctrica, saben que o maior beneficio está en introducir os Mw de gas e carbón no mercado. “O baleirado de encoros é porque saben que o produto (Mw gas-carbón) vai marcar o prezo da electricidade, mesmo da renovable”. Baleirar o encoro supón reducir a capacidade de turbinado e creación de electricidade, baixa a oferta e hai que recorrer, se non queda outra, ao gas e ao carbón.
Aínda así, tamén debemos ter en conta que a produción hidroeléctrica é discrecional, “podes metela no mercado cando queiras”. A eólica non, “depende de cando hai vento e aínda habendo vento, moitas veces os muíños están parados”. Sospéitase que este último feito é un método usado polo oligopolio eléctrico para encarecer a luz, parar muíños de vento para entrar os Mw hidroeléctricos que se pagan a prezo máis alto.
Por outra parte, as consecuencias medioambientais parellas a estas accións ameazan tanto a fauna e flora de ribeira ademais da piscícola. Ademais disto, o caudal do río non pode baixar dunhas porcentaxes ecolóxicas que permitan a sustentabilidade da vida no río. Até a nova lexislación, o caudal estimado para a pervivencia do río non debía baixar do 10%. A nova lexislación contempla uns caudais acordes coa sustentabilidade.
“Antes de crear un encoro realízase un estudo sobre a situación da fauna e flora se non houbese unha represa, o problema é que eses informes son opacos” di Montse Valencia de Ecologistas en Acción. Tanto asociacións como colectivos ambientalistas e ecoloxistas así como sociais, cren que nestes informes se pode ocultar a presenza de especies únicas en lugares concretos que poden desaparecer.
“Teñamos en conta ademais que á parte da xeración de enerxía, é moi pouca a rendibilidade que se lle pode tirar a un encoro, nin sequera coas praias artificiais” sinala Valencia. Ademais, os terreos inundables que poidan quedar ao aire carecen de aproveitamento agrario. “Un encoro é un freo artificial”. “O que chama a atención son as palabras suaves da Administración para as empresas, falando de “empatía social” cando a auga embalsada está baixo unha xurisprudencia que impide abrir e pechar comportas a vontade da empresa” remata Valencia.
COMPETENCIAS
A Xunta de Galicia respondeu a unha serie de preguntas arredor desta polémica. Ante a pregunta de se existen outros motivos ademais dos climatolóxicos para o descenso dos niveis de auga nos encoros Miño-Sil, desde o goberno galego responden que é o organismo de conca responsable (neste caso, a CH Miño-Sil estatal) “o que ten que responder a esta cuestión e aclarar os factores e motivos que explican o estado actual destas presas porque é o único que coñece esa información”. Engaden tamén que 2021 está a ser un ano hidrolóxico normal no que, de feito, “choveu praticamente o mesmo que o ano pasado polo que a ocupación actual destas presas non se pode apoñer a un problema de déficit hídrico”.
En canto as bacias ou concas de competencia autonómica, o seu estado actual segundo informan as autoridades autonómicas galegas “os encoros da bacía de Galicia-Costa, de competencia da Xunta, están a preto do 70% da súa capacidade. A situación preocupante concéntrase na Demarcación Hidrográfica Miño-Sil”.
Sobre posibles accións do goberno galego ante as accións acometidas nas presas existentes dentro da CHMS, “a Xunta xa se dirixiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Confederación Hidográfica Miño-Sil para demandar explicacións sobre o acontecido e a adopción de medidas que eviten que volva suceder”. Por último, as repercusións medioambientais en áreas de competencia autonómica non son negativas, mentres que si lles preocupa o que acontece dentro da CHMS ante a posible afectación sobre fauna e flora.
A CHMS responde sobre as posibles sancións que "en elación á competencia deste Organismo de conca, procedeuse á apertura de expedientes informativos e, no caso de detectar algún incumprimento na explotación, si poderían dar lugar a expedientes sancionadores". En atención a actuacións inmediatas, a CHMS considera importante lembrar que actualmente está en consulta pública "a revisión dos Plans Hidrolóxicos das distintas Demarcacións Hidrográficas (ciclo 2022-2027), co obxectivo de conseguir unha maior seguridade hídrica, protección da biodiversidade e a compatibilidade cos usos e demandas". Todo isto tendo en conta as vulnerabilidades debido aos efectos do cambio climático. Este debería de ser o marco de partida para unha progresiva adaptación das demandas a esta nova situación e a participación de todos é fundamental.
O mercado eléctrico parece ter suficiente peso como para tomar a decisión, de maneira unilateral, de baleirar os encoros das hidroeléctricas cando queira. Isto repercute no consumo permitindo a entrada de Mw producidos con enerxías non renovables que, finalmente, son as que elevan os prezos da electricidade. De momento só hai declaracións de intencionalidade por parte de autoridades e organismos competentes e o prezo seguirá aumentando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.