Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/09/2021 | Actualizada ás 22:00
A Xunta permitirá aos cazadores abater xabaril libremente dentro do 70% do territorio galego, 198 concellos do rural, quizais os máis afectados polo abandono destes espazos. A orixe desta decisión está, segundo as autoridades galegas, na necesidade de controlar a poboación de porco bravo e frear así os danos producidos na agricultura e gandaría. O goberno galego apela á Lei de Caza autonómica para dar saída a estas accións só como un instrumento temporalmente limitado e puntual. A día de hoxe non se coñecería o número aproximado de exemplares que viven entre as catro provincias, e todo porque o último censo oficial de xabaril é de 2013.
CONTROL DA ESPECIE
A Xunta explicou nun comunicado que deu prioridade á caza de femias adultas e subadultas. Os cazadores tamén poderán abater crías e femias seguidas de crías, sempre que exista unha autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en aplicación da Lei de Caza de Galicia.
“Noutros anos fíxose o mesmo, unha caza indiscriminada destes animais para evitar danos no campo mais segue habendo xabaril e os danos continúan” di un axente medioambietal que non quere identificarse. “O problema non é só a caza indiscriminada do porco bravo senón que se vai facer en época de cría doutras especies” que poderán sufrir danos colaterais como a separación de mandas de nais e crías.
Francisco Couselo, presidente da Federación de Caza de Pontevedra, confirma que este tipo de acción si se levan facendo tempo. “Os cazadores estamos xunto aos gandeiros e agricultores para o control do porco bravo, mais isto non quere dicir que teñamos carta aberta para ir todos os días cazar” di Couselo. Sobre o abatemento de femias e crías, “no caso de batidas por danos, abater unha cría fai que o resto da grea coa nai fuxa do lugar, tamén recoñezo é que ao mellor só hai un cambio de finca”.
A actividade de control sobre poboacións de animais salvaxes realízana axentes medioambientais en moitos paises. Preguntado sobre se non sería máis axeitado que fosen os axentes quen efectuasen estes controis en Galicia, Couselo afirma que “cada quen está para o que está, os axentes están para o control e vixilancia e os cazadores limitámonos a cazar”. Couselo ademais apunta que coa nova medida poderase realizar batida de maneira case inmediata, no momento en que se notifiquen danos.
AXENTES E ECOLOXISTAS
O colectivo de axentes medioambientais, segundo fontes da Asociación Profesional de Axentes Medioambientais e Forestais de Galicia (APRAFOGA), non participou en reunións relativas á decisión de abatemento de xabaril por danos en agricultura. “Non temos constancia de que haxa un censo de poboación de xabaril, si que hai axudas para cubrir danos e os damnificados poden chamar e reclamar dita axuda”.
Existen unhas “mesas de xabaril” que está formado por agricultores, administracións e axentes medioambientais, onde se avalía a necesidade dunha batida de control. Non obstante, entre o colectivo de axentes medioambientais consideran que este tipo de decisións “son un caramelo político para cazadores e agricultores”. Alberto Rivero de Ecologistas en Acción concorda co apuntando. “Esta é unha medida electoralista, unha concesión ao lobby cinexético por apoiar o PP”.
Rivero tamén cuestiona a base de “exceso de poboación de xabaril en Galicia”. “Non existen estudos ou traballos de campos que confirmen a existencia dun número excesivo de xabaril en Galicia”. Por outra parte, sinala ademais que “o aumento de danos en áreas rurais non é indicativo dun aumento de poboación do xabaril, o que si pode indicar é un desequilibrio no ecosistema”. A presión sobre o xabaril, o abatemento ou morte de exemplares, fai que as femias entren en celo máis rapidamente, o que leva a un aumento das greas.
“A Xunta non ten nin idea do que pasa no monte e tampouco é que lle importe moito a fauna” declara Fins Eirexas de ADEGA. “Podiamos ter aforrado todo ese alto funcionariado relativo á Consellería de Medio Ambiente, porque quen realmente dirixe todo o relacionado coa fauna e o monte é a Federación de Caza”. Por outra parte, Eirexas engade que “a Xunta non ten interese en que se saiba porque poría en cuestión a mala xestión do monte”.
A falta de recursos censais sobre poboación de especies salvaxes, presuntos danos por xabaril son parte dos argumentos en contra da decisión da Xunta para abrir o terreo ao “control” do porco bravo mediante batidas. Os axentes medioambientais non teñen censos actualizados da especie cousa que impide coñecer de primeira man a situación do xabaril e se son efectivas decisións como abrir un “control cinexético” mediante unha caza que pode desenvolverse cada día da semana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.