Do lecer e a necesidade de ordenar o espazo

Mirando ao mar....Teñan bo día. Que tal lles foi o verán? Pois xa ven, este está case rematado, polo menos no que todos identificamos como tal. Da estación aínda quedan tres semanas, pero o certo é que as cabezas xa empezan a estar en outras cousas...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/09/2021

Comparte esta noticia

Pero o verán, aínda que con menos intensidade que outras épocas do ano, tamén nos deixa as súas teimas. Unha delas, para min, ten que ver coas consecuencias dun certo cambio do modelo turístico, na liña do que se vía en Europa nos últimos anos e que, coa Covid-19, recibiu un forte pulo en España tamén. Falo do importante crecemento do turismo de caravana, ou de furgoneta. Do de sempre, normalizado e que busca as instalacións adecuadas e de outro un tanto máis salvaxe e “á súa bola”, que colonizou cidades, vilas e espazos naturais e, preferentemente, praias. Porque non sei se puideron darse unha volta, mirando ao mar, por algunha das nosas praias máis fermosas, absolutamente inzadas de todo tipo de vehículos dedicados ao lecer, e máis concretamente á práctica de determinados deportes náuticos. Moreas delas, vaias onde vaias...

Sempre digo que a norma ten que responder ás inquedanzas da cidadanía, e por iso se este turismo vén para quedar, pois moi ben. Haberá que darlle resposta, se é o que as persoas demandan. Pero iso non quita que  sexa precisa -e urxente- unha maior e mellor regulación, porque a proliferación destes usos en espazos naturais que ou ben deberían ser protexidos ou o están, pero sen que isto sexa real na práctica, é importante.
Vaias onde vaias, hai furgonetas e caravanas, con matrícula estranxeira e, tamén, de aquí. E, a partir deste feito, moitas veces despréganse verdadeiros poboados de xentes dispostas a pasar varios días alí, nun lugar que non é en ocasións o máis axeitado. Ás veces no medio do camiño e complicando o acceso a pé, por exemplo, como a min me pasou varias veces en Ponzos. Algo que se xa non é adecuado normalmente, e menos nestes tempos nos que temos que ter coidado de non xerar situacións de risco para os demais nin para nós mesmos. Porque de máscaras, polo que vin en moitas ocasións, ninguén entende nestes campamentos improvisados... Aínda que estean no medio e medio.

Ai!, se algunha minoría étnica deste país montase un campamento así, dun día para outro... Botábanselles enriba! Pero como estas son xentes de múltiples procedencias, con moitos alemáns, franceses, británicos, italianos, portugueses enfundados en neoprenos e cos rizos ao vento... pois parece que a cousa é máis “cool”. Pero non se enganen, o efecto é o mesmo en termos de afectación do ecosistema ou de complicarlle a existencia a outros usuarios do espazo común. E, se non, convídolles a dar un paseo con coidado, por exemplo nas campas enriba da devandita praia de Ponzos. Pero ollo, que terán que ver onde pisan, porque todo o “glamour” do novo turismo de furgoneta choca de xeito frontal coas necesidades fisiolóxicas dalgúns dos seus practicantes, que terminan indo e volvendo polos sendeiros para cagar de campo entre os fieitos. Unha verdadeira porcallada.

En fin... Que está ben o do turismo, de fóra ou de aquí. Que o territorio está para darlle o axeitado aproveitamento, segundo os gustos e as necesidades das persoas. Pero que tamén é necesaria unha regulación que permita conciliar o lexítimo interese de andar polo mundo en catro rodas, que mola, con prácticas e actitudes sostibles e que non vaian contra outros usos alternativos de tales espazos. Fíxense, volvendo a Ponzos, en que se está a converter unha das poucas praias naturistas da nosa comunidade, un templo de harmonía coa natureza e silencio, hoxe chea de papaventos, velas e táboas... O surf en todas as súas modalidades está moi ben, pero tamén o baño e o desfrute tranquilo do espazo, e é preciso conciliar un e outro. Pero fíxense, xa son practicamente todas as praias de Ferrol e comarca nas que se poden ver todas esas modalidades deportivas. Non é limitar, é conciliar. É ter unha estratexia, diferente ao de “ir facendo”, que tantos desgustos nos ten dado no noso país. E esa estratexia, de amplo consenso e mirada a longo prazo -tan inédita no eido político-, ten que delimitar os espazos para as diferentes posibilidades, no industrial, no residencial, no natural e... tamén no lecer.

Porque por praias, amigos e amigas, en Galicia non será... E moitas, como din en Laxe, ben “fermosas e feiticeiras”...

jl_quintela_j@telefonica.net

Dous camareiros nun local de lecer nocturno, antes do seu peche a medianoite. Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press - Arquivo
Dous camareiros nun local de lecer nocturno, antes do seu peche a medianoite. Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.