O Comité da CRTVG denuncia a eliminación dos informativos locais e a privatización de contidos

Critica o mantemento na grella de productos como Land Rober, que acumula graves episodios de violencia machista.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/09/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros da CRTVG valora moi negativamente a programación de outono-inverno dos medios públicos de comunicación de Galicia que presentou hai uns días a dirección da Corporación. Os representantes do persoal da televisión e a radio públicas consideran especialmente grave a desaparición definitiva da TVG das desconexións territoriais que se realizaban a diario con información local específica para as diversas áreas xeográficas, unha información de proximidade que xa desapareceu en xuño de 2018 da Radio Galega.

Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo
Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo

Esta decisión, en opinión do comité de empresa, "contraria á encomenda de servizo público que ten a CRTVG por Lei, privará á cidadanía da posibilidade de recibir en galego a información do que acontece na súa contorna máis inmediata". "Debilita ademais unha das principais fortalezas que distinguiu á CRTVG dos seus competidores: a capacidade de atender informativamente todo o país grazas ao despregue territorial que ten a Corporación a través das delegacións que continúan abertas na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo", indica nun comunicado.

Avanzar no desmantelamento destas delegacións, despois do peche en 2010 das de Burela, Pontevedra e Ferrol, estaría detrás, segundo o comité de empresa, desta supresión dos informativos locais, xa que doutra maneira resulta inexplicable. A representación legal dos traballadores e traballadoras lembra que leva anos denunciando a progresiva deterioración da estrutura territorial da CRTVG, "cun baleirado continuo de persoal que non pretende máis que relegar estes centros fundamentais á insignificancia".

O comité de empresa denuncia tamén o continuismo da programación da radio e a televisión para este outono-inverno. Considera que a dirección avanza "na minoración da xa escasísima produción propia interna (desaparece desta volta o magazine A Revista Fin de Semana), o que pretende disimular computando unha vez máis como produción propia a reposición ou reemisión de informativos e programas",

Nesta liña, o comité critica que a CRTVG recorra novamente, e con máis intensidade desta vez, ao que a dirección denomina “sinerxias” ou “emisións simultáneas en TVG e RG”, un eufemismo co que se pretende xustificar que formatos como “A Bóla Extra” ou “Pensando en Ti” se emitan tanto na radio como na televisión, sen ter en conta as especificidades de cada medio, "para intentar tapar tanto a falta de persoal como a incapacidade dos directivos para apostar pola xeración de produtos de calidade"-

Mentres, denuncia o comité, a dirección aposta en cambio pola subcontratación de programas externos que non obedecen ao mandato do servizo público nin teñen a preceptiva supervisión de responsables da cadea. Neste sentido, critican o mantemento na grella de productos como Land Rober, que acumula graves episodios de violencia machista e sobre o que a CRTVG evita establecer mecanismos claros de control dos contidos para facer valer os principios fundacionais da CRTVG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Aínda estamos lonxe da desconexión definitiva que o alcalde de Vigo leva mantendo nos últimos 10 anos consecutivos ! Celebra os Plenos a Porta Pechada (18 meses aducindo un Estado de Alarma Inconstitucional) mentras 3 veces por semana fulmina á cidadanía a través da súa Televisión Local Subvencionada https://televigo.com/contenido_web/... Polo que respecta á TVG queda resumida a Lúar e LandRober e polo que se pode ver os índices de audiencia seguen subindo... igual que os índices de audiencia do programa de Abel Caballero ? Non se mira ningunha queixa sobre este tipo de comportamentos deleznables en Vigo !