Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 18:46
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou que "non é admisible que un municipio quede da noite para a mañá sen caixeiro e sen oficina bancaria", polo que apelou ao Goberno central a buscar unha solución a un problema que, ao seu xuízo, require ser afrontado cunha estratexia a nivel global e para toda España.
A preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario galego dixo que comprende que os alcaldes dos concellos afectados polo peche de oficinas "defendan os intereses dos seus veciños", aínda que evitou pronunciarse sobre a intención do seu compañeiro de partido e rexedor de Campo Lameiro, Carlos Costa, de declarar persoa non grata ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.
"Entendemos que o alcalde de Campo Lameiro defenda os intereses dos seus veciños. En manifestacións sobre persoas concretas, non entramos", apuntou o presidente galego, que di compartir cos rexedores dos municipios afectados que "non é admisible" que un concello "quede da noite para a mañá sen caixeiro e sen oficina bancaria".
Para Feijóo, é preciso que o Goberno central deseñe un plan para facer fronte ao peche de oficinas e caixeiros nos concellos menos poboados que atribúe a un proceso de "reconfiguración" do negocio bancario. "Hai xente con 40 anos que nunca entrou nunha oficina bancaria", apostilou Feijóo, que fixo referencia á carta remitida esta semana polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, á vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, na que solicita unha estratexia a nivel estatal ante este asunto.
Cuestionado sobre a concesión de axudas autonómicas a entidades financeiras pola instalación de caixeiros, Núñez Feijóo afirmou que "se só hai unha entidade financeira que quere instalar un caixeiro nun concello, vaino a instalar ese único solicitante". "Iso non lle pode estrañar a ninguén", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.