Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2021 | Actualizada ás 11:16
A Real Academia Galega (RAG) celebrará o vindeiro xoves, 16 de setembro, o aniversario da morte da novelista Emilia Pardo Bazán cunha función teatral aberta ao público na Casa-Museo de Pardo Bazán e a presentación dun libro coeditado co Parlamento de Galicia co título de 'A educación do home e da muller e outros escritos feministas'.
Ademais, tamén haberá unha exposición, 'Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade', con pezas da Biblioteca Nacional e máis de 70 elementos provenientes da Casa-Museo e a biblioteca e arquivo da RAG, segundo informa esta institución nun comunicado.
Así, a homenaxe complétase co Congreso Internacional 'Emilia Pardo Bazán, cen anos despois' os días 25, 26 e 27 de outubro na sede da RAG da Coruña; o 28 de outubro en Santiago de Compostela, no Colexio de Fonseca; e o 29 de outubro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
LIBRO E TEATRO
A presentación do libro celebrarase este xoves ás 11,30 horas na sede da Academia da man do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a académica Marilar Aleixandre; e a tradutora Mónica Bar Cendón. O acto contará cunha retransmisión en streaming a través da páxina da Academia.
Na obra recompílanse unha serie de textos da autora por parte de Marilar Alexandre, entre outros, o que dá nome ao libro 'A educación do home e da muller', un ensaio sobre feminismo. Mónica Bar Cendón é a tradutora desta edición que pretende "contribuír ao pensamento dunha muller adiantada en materia de igualdade".
Así mesmo, as actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga darán vida á autora e á súa amiga e escritora María Vinyals, cun guión escrito pola directora Mariana Carballal e inspirado nos escritos feministas de Pardo Bazán.
Con respecto á función teatral, terá dous pases, un ás 17,00 horas e outro ás 19,00 horas este xoves. Para asistir, poderase reservar a través do correo electrónico 'difusion@academia.gal' co máximo de dúas prazas por correo enviado e achegando nome completo, horario e un teléfono de contacto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.