Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2021 | Actualizada ás 22:00
Primeiro é o peche da escola unitaria da aldea e as visitas cada vez máis esporádicas do persoal médico, máis tarde é a suspensión da liña de bus que comunicaba o pobo con outras vilas e cidades, logo é o cerre desas pequenas tendas ‘de toda a vida’… A perda de servizos básicos no rural suma agora outra fuxida de gravidade: a das sucursais bancarias.
O mapa financeiro do país empobrece peche a peche. Se no ano 2008 Galicia contaba cun total de 2.534 oficinas bancarias, ao cerre do ano 2020 esta cifra minguaba máis da metade, ata as 1.234 sucursais en funcionamento, segundo datos do Banco de España. Nese momento, xa 45 concellos galegos se atopaban sen sucursal ningunha, unha cifra que durante o 2021 non fixo máis que engrosar. No recente estudo ‘A Economía Galega. Informe 2020-2021’, editado por Afundación, Idega e o Centro de Investigacións Abanca de Ieside, recóllese que Galicia finalizou marzo de 2021 con 1.190 oficinas operativas, o que implica que outras 44 botaron o peche nos primeiros meses deste ano.
Esta goteira de cerres responde a unha “estratexia de dixitalización acelerada" común en moitas entidades: o banco Sabadell vén de anunciar a finalización da actividade en 38 oficinas galegas (o que supón reducir a súa rede un 40%); o Santander está levando a cabo un ERE que afecta 79 sucursais (e hai dous anos xa clausurara 135) e o BBVA recortou tamén o 8% do seu persoal empregado. Isto prodúcese ao tempo que Abanca, entidade nacida da fusión e privatización das antigas Caixanova e Caixa Galicia, tamén baixa a reixa de locais en importantes puntos do rural e no medio dunha gran revolta. Campo Lameiro, Vimianzo, A Baña, Zas, Quintela de Leirado, Moaña, Vilagarcía… són só algúns dos concellos afectados por esta última vaga de peches impulsada por Abanca.
Ante ela, a veciñanza do rural responde con protestas apoiadas por administracións locais de todas as cores políticas. “Non imos quedar de brazos cruzados. Temos que unirnos ante unha actitude de Abanca que consideramos irresponsable”. Quen fala é Mónica Rodríguez, alcaldesa socialista de Vimianzo, un pobo que vén de perder o día 8 de setembro a sucursal bancaria de Baíñas, “unha oficina cunha carteira de clientes moi importante e que, pola súa situación xeográfica, daba servizo a veciñanza tamén doutros concellos”, indica a alcaldesa. Para ela, unha das impulsoras da manifestación ante a sede de Abanca na Coruña xunto con Zas, A Baña e outros concellos que logo se sumaron, estes peches son “prematuros” e carecen de “cautela e delicadeza”.
A modo de protesta, o Concello vén de retirar todo o seu diñeiro desta entidade. "Eu non podo dicirlle á veciñanza, co prexuízo que nos está causando Abanca, que é este banco quen ten o seu diñeiro", explica. De cara ás próximas semanas, manexan a posibilidade de concentrarse en Santiago de Compostela de forma conxunta con outros concellos. "Rogo medidas serias alá onde haxa capacidade e competencias para tomar decisións".
AFONDANDO NA EXCLUSIÓN FINANCEIRA
Rodríguez explica que as persoas maiores, debido á fenda tecnolóxica, “non están acostumadas a dirixirse a un caixeiro automático nin a manexarse coa banca electrónica”, de maneira que esta decisión agrava a exclusión financeira de moita poboación rural. “Basicamente por dous motivos”, prosegue, “por falta de coñecemento e hábito e porque aínda non chegou a instalación da fibra óptica que tanto desexamos; polo tanto, non todo o mundo ten servizos telemáticos para facer operacións con seguridade e calidade”. A iso suma a “sorpresiva” redución de horarios que se impón naquelas oficinas que si se manteñen en pé e que se atopan “conxestionadas”. “A xente está doída e preocupada por ter que desprazarse. Hai quen terá que tirar de taxis para ir ao banco”, lamenta.
Estes argumentos replícanse ao conversar coa propia veciñanza. En Campo Lameiro o peche da súa sucursal bancaria supón “un golpe moi duro”, relata a Galicia Confidencial Delia Carramal, convencida de que non van “deixar morrer” Campo Lameiro, a pesar de que é consciente que este peche “incita a facer vida noutros sitios”. “Cando vas sacas diñeiro aproveitas para facer a compra, mercar o pan…”, de maneira que o impacto tamén se deixará notar, di, sobre o comercio local. O concello, gobernado polo PP, vén de desenvolver protestas a modo de “réquiem” polas oficinas pechadas nas que tamén se implicaron empresas e entidades locais. Ademais, o seu rexedor, Carlos Costa, mantén a intención de declarar o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, como “persoa non grata” no municipio.
Carmen, tamén veciña da zona, explica como este peche lle afecta de primeira man: “Unha xestión que na vila facía en dez minutos, agora lévame moito máis tempo. Teño que ir a Pontevedra e agardar colas de media hora. A xente nova sabe manexar o ordenador, mais eu teño medo de cometer un erro, darlle ao que non debo e facer un desfalco!”. Peor aínda o ten aquela veciñanza maior “con muletas, cadeiras de rodas, e que non ten como desprazarse”. “Espero que, se non arranxan con Abanca, traian para aquí outra entidade. Eu serei a primeira en cambiarme”, resolve.
CAIXEIROS AUTOMÁTICOS SUBVENCIONADOS POLA XUNTA
Ante esta vaga de peches, a aposta da Xunta de Galicia pasa por custearlle a unha entidade privada como Abanca - cun total de 2,8 millóns - a colocación de caixeiros automáticos naqueles concellos que queden sen oficinas bancarias, se ben serán os concellos os que terán que pagar os gastos derivados de consumo eléctrico, telefonía e servizos de limpeza - segundo o protocolo asinado entre a Consellería de Facenda e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -.
Para Clodo Montero, secretario da sección sindical da CIG en Abanca, esta é unha “solución teimuda” que nada amaña a aquelas persoas “non nativas dixitais” e que, ademais, desafía “a fidelidade da clientela que lle deu valor a Abanca”. “Como traballadores, sabémolo de primeira man. É a nosa xente e coñecemos o que precisa: un caixeiro non suple toda a operatoria que se desenvolve hoxe en día nas oficinas”, engade.
Dende o sindicato nacionalista piden “abrir unha mesa de diálogo” con presenza de todos os sectores implicados para poder reclamar alternativas. “Unha atención presencial, que se respecte a lexislación e que non restrinxan servizos é posible, sostible e rendible”, asegura Montero, que fala dunha “dixitalización á brava e salvaxe” que afonda no “baleirado” do rural e que “só responde a criterios económicos, a intereses lucrativos”. “Unha operación dixital custa a oitava parte do que atender de forma presencial”, especifica.
Máis alá do debate en torno ás subvencións de caixeiros, para Montero a cuestión de fondo está no modelo de sistema financeiro. A banca privada “busca taxas de rendibilidade que son inviables", di; e ademais, pon o foco nas políticas desenvolvidas pola Unión Europea neste sentido: “As inxeccións de diñeiro dende Bruxelas aos bancos provocan que a entidades como Abanca lles resulte máis barato pedir ese apoio económico que manter unha oficina aberta de atención ao público”, remarca.
IMPACTO LABORAL: “PERSOAL CAMIÑO DO ERE”
O persoal laboral que se ve afectado polos peches das sucursais nas que traballaban está sendo “desprazado a outras oficinas cercanas ou a departamentos de telemárketing”, incluso con modificacións nas condicións laborais, explica Clodo Montero; mais o maior temor xérao -di- o futuro a medio prazo: “Sabemos ben, porque o temos padecido nas nosas carnes, que este tipo de peches derivan en EREs”. “A propia Xunta está subvencionando os nosos despedimentos; unha obscenidade”, resume Montero, que anuncia que traballarán “todas as alternativas legais para combater este tipo de subvencións”.
ABANCA
Pola súa banda, Abanca destaca que é entidade financeira con maior rede comercial en Galicia e no rural, cun 33,5% da súa rede de bancos en núcleso de menos de 5.000 habitantes. "Damos servizo ao 98% da poboación e ao 87% dos concellos galegos e estamos representados en 115 concellos o que permite recibir servizos financeiros a 298.000 galegos", apuntan desde a entidade bancaria.
Sobre o peche de oficinas di que ofrecerá os seus servizos financeiros nas localidades nas que se reordenarán as oficinas a través de caixeiros, da oficina móbil e das oficinas que ten nas localidades próximas."Con este modelo darase solución á case totalidade de necesidades financeiras que se realizaban nelas xa que todas as oficinas situadas nestas localidades teñen unha operativa moi reducida, algunhas presentan unha media inferior a 6 operacións ao día", destaca.
Ademais, destaca que manterá activo o plan de axuda para o uso de caixeiros para todas as persoas que a necesiten. "Os caixeiros foron adaptados para facilitar o seu uso por parte das persoas maiores", engade.
No outro extremo, a veciñanza reméxese: “Hai que seguir facendo revolución, isto é un abuso á xente do rural”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.