Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 15:00
A Iniciativa Galega pola Memoria vén de pedir a retirada do nome de Antonio Rosón dunha das salas do Parlamento Galego. Aluden que Rosón foi un militar golpista, integrante da Falanxe desde a primavera de 1936, e que dirixiu unha represión “extremadamente violenta” na comarca de Becerreá e os Ancares, como máxima autoridade militar, entre xullo e setembro de 1936.
A manifestación das asociacións de memoria histórica galega, reunidas na IGM, vén despois de que a mesa do parlamento galego aprobara o pasado 27 de xullo dar ese nome á devandita sala, decisión que se desenvolveu cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e co voto en contra do BNG o pasado 27 de xullo. O pasado mércores, o BNG volveu lanzar unha iniciativa para retirar o nome, pero o PP negouse. O voceiro popular Pedro Puy asegurou que a participación de Rosón, primeiro presidente da Xunta, no golpe non estaba probada.
A IGM pensa distinto: “consideramos que esta decisión atenta contra numerosas resolucións da ONU e contra os principios que deben rexer a política pública de memoria, baseada no exercicio dos dereitos á verdade, á xustiza e á reparación. E ademais agride a memoria das vítimas da represión franquista e constitúe un insoportábel aldraxe para as súas familias”, explican.
Aducen ademais o feito de que Rosón “tivo unha participación directa no golpe de Estado
contra a República de xullo de 1936”, á parte de ter dirixido “persoalmente, como comandante militar de Becerreá, a represión violenta e cruenta na zona de Becerreá e Os Ancares”, que afectou a militantes e simpatizantes de partidos demócratas, co resultado de máis de 30 persoas.
HOMENAXE ÁS VÍTIMAS
De aí que demanden a retirada do nome para a sala do Parlamento, así como a organización, no propio Pazo do Hórreo, dunha homenaxe ás vítimas da represión franquista en Galiza, organizada en colaboración co movemento memorialista galego e coa participación dunha representación das vítimas; á que se lle uniría outra homenaxe á resistencia antifranquista galega, “homes e mulleres que deben ser honradas como combatentes contra a Ditadura e loitadoras polas liberdades”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.