Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2021 | Actualizada ás 12:32
Axentes da Policía Local de Narón detiveron sobre as 9,20 horas deste luns, 20 de setembro, a un mozo de 22 anos, veciño deste municipio, que minutos antes supostamente agredira cun machete na cara a outro de 19 anos, veciño do municipio coruñés de Pontedeume.
O incidente produciuse nun canellón que comunica a rúa Cataluña e a estrada Castelao, na Gándara, nas inmediacións do Centro Comercial e de Lecer Odeón.
Unha patrulla da Policía Local de Narón que se atopaba na zona acudiu de inmediato ao lugar e logrou deter ao presunto responsable da agresión, que foi posteriormente entregado á Policía Nacional, que o trasladou á Comisaría de Ferrol-Narón, onde permanece detido.
Pola súa banda, o ferido foi evacuado nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde foi atendido das feridas, que non revisten gravidade. Segundo sinalaron fontes consultadas por Europa Press, ambos os mozos, presunto agresor e agredido, protagonizaran horas antes outro altercado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.