Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2021 | Actualizada ás 11:51
A Consellería de Emprego e Igualade, a entidade de formación do ONCE Insere Emprego e a propia fundación asinaron un convenio que permitirá á Xunta acreditar as competencias que uns 200 alumnos con discapacidade recibirán no marco dos programas operativos de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 e de Emprego Xuvenil que desenvolve o ONCE, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
En concreto, conforme detallou o departamento que dirixe María Jesús Lorenzana, a Administración autonómica contribuirá a acreditar a cualificación impartida a través de doce itinerarios formativos (nove en modalidade presencial e tres en liña) a persoas con discapacidade, "o que lles permitirá mellorar as súas opcións ante o mercado laboral", segundo a Xunta.
Unha vez terminada a formación e constatando o cumprimento de requisitos das persoas participantes, a Consellería de Emprego e Igualdade, emitirá os correspondentes certificados de profesionalidade.
As accións formativas previstas por Insere Emprego ata o próximo mes de novembro, que irán das 210 ás 800 horas segundo a temática, impartiranse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e Ourense.
En modalidade presencial, con grupos de 15 alumnos, ofrecerase capacitación en materia de vixilancia, seguridade privada e protección de persoas; actividades auxiliares de almacén; actividades administrativas na relación co cliente; operacións de auxiliares de servizos administrativos e xerais; limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, así como actividades auxiliares de comercio.
A formación en liña, pola súa banda, se focalizará na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; actividades administrativas en relación co cliente e docencia da formación profesional para o emprego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.